O Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro bate récords e coroa a Daniel Landesa

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Óscar Reboiras, gañador da anterior edición, Patricia Lojo, concelleira de Cultura de A Pobra, Marcos Calveiro, da editorial Galaxia, e Encarna Prego, da asociación Barbantia, tras dar o fallo do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro
Óscar Reboiras, gañador da anterior edición, Patricia Lojo, concelleira de Cultura de A Pobra, Marcos Calveiro, da editorial Galaxia, e Encarna Prego, da asociación Barbantia, tras dar o fallo do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro Concello de A Pobra

O escritor vigués foi premiado pola súa obra Nenapingüin, protagonizada por nenos que padecen enfermidades

19 dic 2025 . Actualizado a las 15:12 h.

O escritor vigués Daniel Landesa alzouse co 8º Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro que se organiza en A Pobra. A súa obra, titulada Nenapingüin, logrou conquistar ao xurado por unanimidade, destacando dela a súa calidade literaria e unha trama protagonizada por nenos que padecen enfermidades na que se escapa do sentimentalismo e do melodrama, incorporando notas de humor e diversión.

A concelleira de Cultura de A Pobra, Patricia Lojo, quixo poñer en valor o traballo do tribunal, sinalando que «tivo un papel difícil pola cantidade e calidade dos traballos presentados». Este ano, o certame alcanzou un novo fito de participación con 35 propostas, fronte ás 30 da edición anterior, o que en palabras da edila confirma que a cita «continúa afianzándose na comarca»

O xurado, integrado por Marcos Calveiro, da editorial Galaxia, Encarna Pego, da Asociación Cultural Barbantia e Óscar Reboiras, gañador da anterior edición, coincidiu en que Nenapingüin é unha historia «apta para un abano moi amplo do público infantil que interpela directamente a intelixencia e a sensibilidade do lectorado». Ademais do premio en metálico de 3.000 euros, este galardón garante a Landesa o salto ás librarías da man de Galaxia, que publicará a súa historia dentro da histórica serie Árbore.

O certame, que rinde homenaxe a Xosé Carlos Mosteiro Fraga, consolídase así no seu octavo ano de traxectoria como unha ferramenta fundamental para promover a cultura en galego e ofrecer unha oportunidade de oro aos autores actuais para proxectar o seu traballo no mercado editorial.