Psicoxeografía do malestar urbano

PEDRO GARCÍA VIDAL

BARBANZA

Cadeados para chaves de pisos turísticos
Cadeados para chaves de pisos turísticos

Estamos asistindo ao progresivo desenvolvemento dun novo modelo de cidade mercantilista

17 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha cidade é moito máis que as súas fachadas. A parte fundamental da paisaxe urbana está constituída pola xente que a habita. De aí que non só importa prestar atención á paisaxe construída, senón que, igualmente, é preciso orientar os esforzos cara a unha calidade urbana que teña en conta especialmente as persoas que residen nela. Neste senso, nos anos cincuenta do pasado século xurdía o concepto de Psicoxeografía.

Guy Debord, un dos seus principais teóricos, sinalaba que esta debía entenderse como o estudo dos efectos do medio xeográfico sobre o comportamento afectivo dos individuos. Trátase, polo tanto, dun método para estudar as formas en que a cidade inflúe no estado anímico do individuo, as sensacións, experiencias e percepcións que o ambiente urbano pode provocarnos. Esta proposta de achegamento ao medio urbano tiña como obxectivo tomar en conta as preocupacións sociolóxicas en relación coa percepción e a experiencia no ámbito urbano, principalmente aquel que é construído de acordo a un esquema de consumo e produtividade como é o sistema capitalista.

Asistimos nos últimos anos ao progresivo desenvolvemento dun novo modelo espacial de cidade que responde a unha idea mercantilista que concibe o espazo urbano exclusivamente como unha mercadoría. A xeración de beneficios convértese para algúns no obxectivo principal. A aplicación práctica do modelo vai mudar a fisionomía do espazo urbano con solucións contrarias a unha das características máis xenuínas da cidade como é o habitar.

Cidade mercado

A proliferación de pisos turísticos, ou a alteración do uso dos baixos comerciais constitúen exemplos do novo modelo de cidade mercado. A implantación dunha hotelización da vivenda orientada a un turismo low cost, cun alto e rápido beneficio económico, favorece unha cidade de tránsito. A súa consecuencia espacial é unha veciñanza desprazada dos seus barrios, coa conseguinte destrución do modelo de comunidade e a perda da súa identidade e lazos sociais. Ao mesmo tempo, pechan os comercios de proximidade e abren tendas de souvenirs e outras dirixidas a quen está de paso. Manifestacións visibles desta cidade de tránsito son a ocupación do espazo público e un excesivo ruído a calquera hora.

Á desculpa do festivo únese agora calquera acontecemento para promover ese turismo a granel, aderezado co «ruído machacón» dunha disco móbil que acompaña sempre. Ruído constante e festa permanente son contemplados como simples danos colaterais. Chega un momento en que os propios veciños convértense nunha molestia. A súa presenza percíbese como unha interferencia na procura do beneficio. Aqueles que protestan polo excesivo ruído, por exemplo, van ser estigmatizados.

Corrente

Se o espazo urbano, tal como afirma a Psicoxeografía, inflúe no estado anímico dos individuos, nos últimos tempos vai facéndose presente un malestar urbano, unha corrente subterránea de rexeitamento do modelo actual imposto polo utilitarismo capitalista en contra da vida propia, que ás veces aflora á superficie con voces que chaman a redirixir a cidade, recuperala para o cidadán.?

Devolver a cidade a súa escala humana convértese nun obxectivo. Recuperar a cidade para deterse, sentarse a conversar, para o pasear tranquilo, para mirar e contemplar, para gozala, e non só para consumila.