Zavala e as Atalaias de Caión mesturarán música tradicional e electrónica no Teatro Cine Elma
BARBANZA
O concerto, de entrada gratuíta, será este domingo 7 ás 19.00 horas
05 dic 2025 . Actualizado a las 16:21 h.Zavala e as Atalaias de Caión actuarán este domingo 7 de decembro no Teatro Cine Elma da Pobra cun espectáculo no que mesturarán a música electrónica e a tradicional, ofrecendo ao público un cruce de camiños entre o enxebre e o contemporáneo. O concerto comezará ás 19.00 horas e a entrada é completamente gratuíta ata completar aforo.
Segundo explican desde o Concello pobrense, ao fío da celebración das Letras Galegas 2025, dedicadas ás cantareiras, o grupo ferrolán Zavala decidiu enriquecer a súa posta en escena coa participación das Atalaias de Caión.
Zavala combina os aspectos máis melódicos e orgánicos da música con texturas e bases electrónicas, creando sons contemporáneos que, por veces, dialogan co tradicional. Está integrado por Carla Romalde (voz), Elena Zas (piano e coros), Víctor Ledo (composición, guitarra e bases electrónicas), e Carlos Castro, Kos, (produción e audiovisuais).
Pola súa banda, as Atalaias de Caión son un grupo de pandeireteiras cuxo repertorio incorpora instrumentos de percusión tradicional como a pandeireta, o pandeiro cadrado, os pratos e as cunchas. Arantxa, Berta, María, Neria, Noelia, Sonia e Ana son as mulleres que dan vida a esta agrupación da Costa da Morte.
A combinación entre ambos estilos poderá verse este domingo no Teatro Cine Elma, dando como resultado un espectáculo musical a camiño entre a tradición e a vangarda.
A actividade está organizada pola área de Cultura da Deputación e conta coa colaboración do Concello da Pobra.