A revista «Foro Galicia e Valle-Inclán» segue a difundir a traxectoria do escritor
BARBANZA
Neste número fálase do pasado sindicalista do escritor e do éxito das súas obras en Rusia
31 oct 2025 . Actualizado a las 16:27 h.Aínda que é un dos autores máis famosos, hai moitas facetas da vida de Ramón María del Valle-Inclán que seguen sendo bastante descoñecidas ou que no seu día se sacaron á luz pero que están baseadas en datos erróneos. Para arroxar unha maior claridade sobre a obra e traxectoria do creador do esperpento, hai dous anos naceu unha publicación na que se recupera todo o seu pasado con moitos datos que se conservan no seu arquivo persoal e outras achegas de investigadores.
De todo isto se falou na presentación do último número da revista Foro Galicia e Valle-Inclán, que tivo lugar este xoves na Pobra, nun acto que comezou coa intervención de Antonio González Millán, director do museo pobrense que leva o novo do escritor. Falou dos principios que levaron a poñer en marcha esta publicación semestral, que se edita nos dous idiomas para poder chegar a un máis xente, e que ten como obxectivo achegar á rúa de forma sinxela e didáctica os resultados de investigacións que se levan a cabo nas universidades e que moitas veces quedan reducidas a un pequeno grupo de persoas.
O alcalde de A Pobra, José Carlos Vidal, non quixo desaproveitar a ocasión para felicitalo tanto a el como a Xaquín del Valle-Inclán pola súa gran labor para difundir a obra do escritor, e de colaborar sempre co Concello, tanto cedendo pezas da súa colección persoal como en todo tipo de iniciativas. O último en tomar a palabra foi precisamente o familiar do autor de Tirano Banderas, que explicou que neste número da revista o lector atopará datos sobre a faceta sindicalista do seu avó, así como da importancia que tivo a súa obra en Rusia, o segundo país de Europa que traduciu os seus libros.
Xaquín del Valle-Inclán quixo facer un agradecemento a Elena Braunova, bibliotecaria na Universidade Estatal de San Petersburgo, que ao día seguinte de contactar con ela xa lle enviou unha primeira edición das obras traducidas ao ruso. Foi no 1912 cando o escritor comezou a ser moi lido na antiga Unión Soviética e chegáronse a lanzar tiradas de 30.000 exemplares.
Tamén adiantou algúns dos temas que prepara para o novo número, onde vai a afondar no uso terapéutico das drogas por parte do seu avó. A revista Foro Galicia e Valle-Inclán, que conta co apoio da Xunta e do Concello de A Pobra, pode mercarse —por 7 euros— no museo pobrense ou na web da publicación.