A obra está exposta no Museo do Gravado de Artes
02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Linlle a Carmelo Guillén, non hai moito, que o fermoso interrompe a cadea do rendemento; descéntranos e enfróntanos ao imprevisible. Quizais sexa o sentido das dúas cousas que Carmen Hermo xunta no curso da súa obra. Estética e natureza. Carmen Hermo párase diante do acontecer natural e albisca nas pegadas, tres de cuxos elementos se atopan neste Barco prenseiro, e mesmo, por alusión, o cuarto.
Non sei se na idea de Carmen estaba subliminalmente a estampa das cerqueiras que viñan nos libros do colexio dos anos setenta, coa rede á banda, a pendurar, cun aspecto de froita viaxeira. Ela di que matinou nunha carga. Algo parecido á rocha de Sísifo. E é que o acto artístico é un proceso aberto, fluínte, quer espontáneo quer meditativo. Tamén da nosa parte, a observadora. Embárganos o xogo visual, a suxestión, a polivalencia: caracois ástrago, pedras animadas, bulsas nidáricas, ar viteliño, líquido respirable.
Este barquiño de xornal que hoxe nos concita, a derivar sobre a intersección de dous conxuntos cromáticos, vai e vén envolto no azo suxestivo dos medios e recursos (praia, area, río, pedra, bulsa de supermercado, trapo, man, pigmento) que Carmen prioriza xunto coa escolla da mestura poético-visual coa abstracción. Outra volta o fluxo da consciencia, que atinxe tamén ao xurro a á mancha, á acción abstracto-lírica e ao contexto: nalgúns casos, Carmen crava directamente o papel sobre a parede; unha cousa do neoreducionismo e dos surfaces, que ela trae á ontoloxía sensible, ao posicionamento ante o medio, ante o que nel acontece, contrapoñendo o caótico patrón do refugo co principio universal da ciclicidade (transformación).
A Pegada sensible, de Carmen Hermo, é intensamente poética, coa sinxeleza polisémica do verso, a súa musicalidade visible, e unha ben coidada rítmica, que se expresa nos conceptos de serie, de repetición (a propia artista reflexiona sobre ela no catálogo), harmonía cromática, cadencias, tempo e movemento nas imaxes, ou o acento en determinados aspectos da composición.
Carmen posúe a forza inspiradora (tomando o sentido da vella raíz do concepto: insinuar na alma do outro) deses dous achegamentos, o do intre da natureza e o do intre da expresión, e ofrécenola en ocasións tan ditosas como a do pasado 4 de outubro, na sala do Museo do Gravado de Artes (visitable ata decembro), a propósito da cal reitero a miña felicitación ao seu director e comisario da mostra, Xoán Pastor Rodríguez.
A contemplación, o mutualismo experiencial, a translación fenoménica, a procura do vieiro plástico, a propia formulación da mostra, da escolla dos soportes, incluso da función das paredes, volvéronme evocar sensacións da memorable época da arte galega. Frescura, actitude e xesto. Beizón xa por iso, Carmen.
Leer más: Solpor inminente de outono
Leer más: Canción de berce