Co carneiro por bandeira nunha longa tradición

M. L. G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carmela Queijeiro

É o prato típico nesta celebración, tanto nas casas como nos restaurantes

29 sep 2025 . Actualizado a las 23:38 h.

Que unha pequena aldea desfrute de seis días consecutivos de festa é algo a destacar. E tamén a preservar. Así o consideran os integrantes da peña Os Luns ao Sol, que cada luns do San Roquiño viaxan en autobús de Boiro á parroquia lousamiá de Tállara para degustar o prato típico desta celebración: o carneiro. Pero non sen antes asistir á sesión vermú, neste caso amenizada por Charada. Unha divertida xornada de confraternidade entre amigos que se prolonga ata que o corpo aguante.

Hai máis de tres décadas que esta peña boirense non falla ao San Roquiño. Cada ano elixen un restaurante distinto, pero nesta ocasión repetiron pola magnífica experiencia do 2024. Así, os máis de 40 comensais reuníronse en Casa Benjamín, en Vilachán (Rois), onde «non variamos o menú nin unha coma», comenta Quin Ribeiro, representante do grupo. De primeiro prato postas de bacallau, de segundo carneiro e de sobremesa tomaron rosca con anís e café.

A asistencia na peña para acudir a esta festa vai gañando adeptos cada ano. «Se fora para cavar unha leira non habería tanta xente», di Ribeiro con retranca. A convocatoria está reservada para adultos, pero en canto a idades é moi heteroxénea, pois participan membros de Os Luns ao Sol desde os vinte e pico anos ata entrados os 80.

Os veciños do lugar recordan que era tradición nestas festas comer o carneiro na taberna de Alejandro, pero cando o patriarca morreu, deixou de facerse. A pesares diso, o costume mantense e o carneiro non falta nas casas de Tállara, como tampouco noutros restaurantes da redonda nos que se xuntan familias e cuadrillas de amigos.

Logo da xornada inaugural do domingo, con San Roque como protagonista, este luns honrouse á Virxe de Loreto, que presidiu a procesión na que estivo acompañada polos outros cinco santos que completan o desfile relixioso polas rúas da aldea.

Despois da misa da unha da tarde e da posterior procesión, deu comezo a sesión vermú da man do grupo Charada. Cando remataron as actuacións, os veciños e visitantes foron repoñer forzas, xa fose na casa ou nalgún local hostaleiro, e á tardiña os que recuperen folgos regresan á festa para bailar na verbena.

O martes venerarase á Inmaculada Concepción. A sesión vermú estará amenizada pola charanga Os Celtas e D´Noche, que volverá actuar á noite con Kubo.