José Manuel Pena: «A xustiza só cobra sentido cando se pon ao servizo das persoas»

eme cartea

BARBANZA

Jose Manuel Pena.
Jose Manuel Pena. ABRALDES

Asegura que a súa vea solidaria vénlle das vivencias familiaresJosé Manuel Pena Sampedro Activista e asesor laboral e fiscal

27 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois da nosa conversa no seu despacho, curta pero intensa, salferida de varias visitas profesionais, entendín que ser asesor laboral e fiscal non é só manexar números nin descifrar normas; é tender unha man a quen se perde no espeso labirinto da burocracia. E decateime de que ese saber, que ás veces semella tan frío, pode tamén converterse nunha ferramenta de calor humana fóra da oficina, alí onde a xente loita polo máis esencial: un teito baixo o que vivir, alimentación, vestidos, saúde, traballo etc., é dicir, vivir con dignidade.

?Dime, que fai un asesor laboral e fiscal no seu día a día?

—Desempeña un papel fundamental tanto para empresas como para particulares. No ámbito laboral, encárgase de xestionar contratos de traballo, altas e baixas, convenios, despedimentos, nóminas, pensións, e garantir o cumprimento dos dereitos laborais, amais de asesorar en inspeccións e reclamacións tributarias. No ámbito fiscal, a súa función consiste en preparar e presentar declaracións de impostos (IVE, IRPF) planificar a carga tributaria de maneira legal, tramitar reclamacións tributarias, e orientar nas obrigas fiscais para cumprir coa normativa e evitar sancións. Combinación de elementos legais e técnicos para unha asistencia integral, administrativa e financeira.

?De onde che vén a túa vea solidaria, e para que?

—Vénme xa da adolescencia, sen dúbida das vivencias familiares. E, cada día, brota da certeza de que, tras cada documento, hai ollos que choran, mans que tremen, corazóns que soñan. Cando acompaño alguén que está a piques de perder a súa casa, non vou coma un profesional distante, senón como quen cre que a xustiza só cobra sentido cando se pon ao servizo das persoas. Non sempre é doado compaxinar estas dúas vidas. A carga emocional pode ser pesada. Mais sei que a unión de profesión e compromiso social faime humano. Porque non se trata só de cadrar contas: trátase de erguer pontes entre a técnica e a humanidade, e facer do coñecemento un acto de solidariedade.

?Es a alma máter de Stop Desahucios Barbanza. Cóntame.

—É unha plataforma cidadá que xorde para protexer as familias en risco de perder a súa vivenda, por impago da hipoteca ou do aluguer. Funciona combinando acción legal, social e mediática: asesora as persoas afectadas, xestiona informes de vulnerabilidade cos servizos sociais, negocia con bancos ou propietarios, e mobiliza a comunidade para evitar desafiuzamentos con solidariedade e xustiza nunha acción colectiva. Nace de facto en 2014 co desaloxo inxusto e inhumano dunha señora de Leiro por impago da hipoteca. Chamei uns amigos concienciados e alá fomos, protestar e mediar. Logo virían os contactos cos distintos alcaldes, dende Sanxenxo a Noia, co Valedor/a do Pobo, co IGVS, coa Consellería de Política Social, e co mesmo Núñez Feijóo. E, a teor dos conflitos, actuarmos en consecuencia na rúa, nas mesas de negociación, nos xulgados (non sen dificultades: presións, insultos, ameazas...). Nun dos casos, chegamos mesmo a Estrasburgo. E non quero esquecer a inestimable e solidaria axuda do avogado, economista e auditor Julio César Calvo, con importante despacho en Madrid, e mais dos mass media, sempre botando unha man.

—Un tema para ti recorrente é o da inmigración, non si?

—A emigración xera múltiples desafíos para quen deixa o seu país en busca de oportunidades —diso sabemos moito en Galicia—. No ámbito laboral, as persoas enfróntanse a contratos precarios, salarios baixos e explotación. E legalmente, dificultades administrativas, nos permisos de residencia ou de traballo, e limitacións no acceso a servizos públicos: sanitarios, educativos etc. Isto crea vulnerabilidade social, e fai da emigración unha experiencia complexa, a miúdo cargada de incertidumes. Si, vexo a diario moitas persoas que buscan solucións, das máis de mil familias que viven entre nós. O Barbanza precisa da súa forza laboral e cultural. Dicir o contrario é faltar á verdade e ir contra a nosa historia e os dereitos humanos.

—Dende o teu compromiso, cara a onde cres que camiña o mundo actual?

—O mundo avanza acelerado entre luces e sombras, ao ritmo que lle marca a tecnoloxía, a globalización, e tamén a incerteza. A polarización política e social medra, alimentada por redes que amplifican o ruído máis que a reflexión. As guerras, disfrazadas de intereses estratéxicos, sementan devastación de vidas e territorios, mentres que se dispara a desigualdade social: ricos máis ricos e pobres máis pobres. E sen falarmos, por exemplo, da profunda crise climática. Esperanza? Comunidades que resisten, xuventude que se ergue, voces que reclaman xustiza e verdade. Nada deste mundo está escrito: nin a onde imos nin que queremos ser.

Nada do mundo laboral, fiscal e social lle é alleo ao noso convidado deste mes. Unha vida de intenso compromiso social e traballo cotián o avalan. Grazas por ser e existir, don José!

ILUSTRACIÓN

ABRALDES