As Juadalupeñas sacaron o chuvasqueiro para dalo todo nos xogos máis disputados
BARBANZA
A chuvia retrasou o inicio das actividades, pero non restou competitividade aos rianxeiros que se deixaron a pel nas probas
15 sep 2025 . Actualizado a las 18:01 h.Este inicio de Guadalupe pasado por auga está dándolle máis dun desgusto aos rianxeiros, que o domingo quedaron sen procesión marítima. Pero o ánimo non decae, e menos entre os máis novos, que como cada luns das festas deixáronse a pel sobre o pavimento da praza Castelao nos competidos xogos das Juadalupeñas. Houbo que sacar o chuvasqueiro un día máis porque o ceo amenceu encapotado e a chuvia non cesou durante a mañá, incluso obrigou a retrasar o inicio das probas. Pero deu igual, a intensidade da competición foi a de sempre.
Non fallaron os competidores, e tampouco o público, que cuberto con capuchas e paraugas non deixou de animar aos participantes nas disparatadas probas plantexadas pola organización, e que este ano incorporaron novidades. Estivo moi disputado un novo xogo consistente en que os membros dunha mesma peña colocados en fila ían poñendo e sacando sucesivamente a mesma camiseta. A vitoria era para os máis rápidos en chegar ao final de fila, que resultaron ser os integrantes de Os Trompas nunha quenda chega de tensión.
Caeu da programación unha das competicións máis espectaculares, o rali de contedores do lixo, pero mantivéronse outros clásicos, como os relevos. A carreira de sacos de obra volveu ser unha das probas máis divertidas, e puxo a proba, non só a velocidade, senón tamén o equilibrio e a coordinación dos participantes. En cada un dos sacos metíanse catro integrantes de cada peña e tiñan que completar o percorrido saltando en perfecta harmonía. É máis complicado do que parece, e no fragor da competición máis de un acabou, literalmente, cos ósos no chan en busca da vitoria.
Outro xogo habitual que o público segue con especial interese é o das cadeiras, un clásico que nunca defrauda e no que se libran auténticas batallas para conseguir asento cando deixa de soar a música. As peñas celebraban coma unha vitoria cada avance de rolda dos seus membros, pero ó final só podía quedar un.
Sesión vermú
E así, de xogo en xogo, foi pasando a mañá ata que a acción se trasladou ao palco da orquestra Unión y Fuerza, que foi a encargada de amenizar a sesión vermú do luns da Guadalupe, na que novamente se abriron os paraugas, sen que iso fora impedimento para botar os bailes de rigor.
Foi en definitiva unha mañá do máis divertida, a pesar da chuvia que caeu insistentemente sobre a vila rianxeira. O mal tempo non freou ás Juadalupeñas, que son as protagonistas do luns, primeiro cos xogos e logo co Festivaliño no parque da Martela.