«O que reclamo, humildemente, é respecto. Respecto por quen sabe sen ter título»
20 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.
Nestes días xurdiu nos medios o caso dunha deputada que dimitiu por mentir sobre os seus estudos. A anécdota sería só iso —unha mentira máis na política— se non fose porque volve poñer sobre a mesa unha cuestión que leva tempo larvándose na nosa sociedade: o valor excesivo que se lle dá aos títulos fronte á experiencia. O culto ao papel fronte ao saber facer. O que eu chamo, sen moito artificio, a síndrome da titulitis. Falo dende a miña experiencia persoal. Son carpinteiro de ribeira. É a miña profesión, o meu oficio e o meu xeito de entender o mundo. Grazas a ese traballo, fun convidado en varias ocasións a participar en charlas, mesas redondas, mesmo en proxectos europeos sobre patrimonio marítimo.
E, con frecuencia, compartín espazo con persoas tituladas, con posgraos, con doutoramentos, con moito currículo —no papel— e ás veces, non tanto no taller ou no peirao. E é curioso o que pasa neses espazos: cando me presento como carpinteiro de ribeira, hai quen me mira con respecto, pero tamén hai quen o fai con esa suficiencia educada que agocha un prexuízo de fondo: o de quen pensa que se non hai título, non pode haber autoridade. Que se un non pasou pola universidade, entón pouco pode achegar. E iso é un erro fondo. Porque hai un saber que non se adquire en aulas, senón con anos de oficio, de erro, de aprendizaxe directa, de reflexión sobre a práctica. É o que chamamos coñecemento empírico, aprendizaxe autodidacta, ese que vén da experiencia e da necesidade, e que tantas veces queda relegado en favor do académico, como se o primeiro fose menor, ou menos lexítimo.
Non se trata de opoñer un saber ao outro. Todo o contrario. Sería ideal que ambos se recoñecesen, que se complementasen, que se dialogase de igual a igual. Pero para iso hai que rachar cunha lóxica instalada: a de que o título dá autoridade por riba de todo. E que o que non está certificado nun papel non ten valor. No mundo do patrimonio —especialmente no marítimo e nos oficios tradicionais coma a carpintería de ribeira— isto é especialmente sangrante. Porque moitas veces quen redacta as normativas, os plans de salvagarda ou os proxectos de intervención non coñece en profundidade as técnicas nin os procesos reais da construción tradicional. E sen ese coñecemento, sen ese diálogo co oficio vivo, corremos o risco de converter o patrimonio nun decorado ou nunha peza de museo desconectada da súa razón de ser.
O que reclamo, humildemente, é respecto. Respecto por quen sabe sen ter título. Por quen aprende no camiño, non nun máster. Por quen leva a sabedoría nas mans, nas ferramentas, nos ollos que viron e fixeron. E tamén por quen está disposto a aprender, sexa cal sexa o seu punto de partida. Quizais a propia deputada que dimitiu estes días podería chegar a ser unha boa política, se non tivese medrado nun contexto onde semella que sen títulos non se pode ser nada. Quizais cometeu un erro, si. Pero tamén é un síntoma do erro máis fondo dunha sociedade que premia máis aparentar saber ca saber de verdade. E por iso é tan importante seguir reivindicando o valor do oficio, da honestidade e do saber facer. Porque ningunha titulación pode substituír iso.