
O mercurio á sombra marca 39 graos e a idea é ir a unha excursión polo Algarve en furgoneta que se contratou a través de internet. Non foi cara, algo que me fai sospeitar
03 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Faltan pouco menos de quince minutos para as tres da tarde. Eu agardo apoiado a que o tempo pase o máis rápido posible na localidade portuguesa de Faro.
O mercurio á sombra marca 39 graos e a idea é ir a unha excursión polo Algarve en furgoneta que se contratou a través de internet. Non foi cara, algo que me fai sospeitar. Esa mosca detrás da orella comeza a facer máis ruído cando vexo que o transporte corría a cargo de tres homes rudos, de grandes dimensións e con cara de poucos amigos. Están dispostos en cadansúa furgoneta cos vidros de cor negro.
Máis xente acumúlase arredor dos vehículos e, en vista de que ninguén parece apreciar o que a min me parece evidente, opto por apuntar nas notas do móbil as matrículas. Acto seguido, o suposto guía da experiencia comunicouse co grupo nun máis que cuestionable inglés. A mensaxe é sinxela. Debemos meternos nos vehículos sen moita explicación. Son apenas 50 minutos de viaxe, pero eu sei que o asunto non vai ser como nolo pintan sobre o papel.
Ao pouco tempo de arrancar, a condución errática a toda velocidade polas rúas do Algarve faime temer. Opto por mandar unha mensaxe aos amigos cos datos dos coches, aínda que de pouco serve para evitar o peor.
Ten graza que toda esa película se me pasase pola cabeza mentres esperaba por unha excursión que rematou por ser unha experiencia inesquecible. O trato do guía Andrés foi digno de mención, un tío moi simpático e cun inglés de andar pola casa, pero comprensible. Está claro que a imaxinación e, sobre todo, a calor, poden xogar malas pasadas.