Piña humana

José Joaquín Ozores Hermo BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

RFGF

Non son de escribir, pero levanteime con gañas de expresar o meu sentimento co vivido este ano co fútbol base de Boiro

28 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non son de escribir, pero levanteime con gañas de expresar o meu sentimento co vivido este ano co fútbol base de Boiro. Véxome na obriga de destacar publicamente os éxitos acadados esta temporada en tódalas categorías do noso club, dende os biberóns ata o sénior feminino.

Foi una aposta firme a de unificar o fútbol base do noso municipio a que fixemos alá polo 2016 un grupo de directivos de distintas entidades do concello que criamos no proxecto. Hoxe somos un grupo de amigos que seguimos ao fronte deste colectivo deportivo, case unha década despois.

Todo ese traballo lévase vendo dende o primeiro ano. Con moita loita e frontes abertos que pouco a pouco fomos quen de ir dominando, penso que sen facer moito ruído e dando pequenos pero firmes pasos, conseguimos que na actualidade sexamos un referente galego en fútbol base ao nivel de grandes cidades. Non as vou a nomear, pero é suficiente con botarlle unha ollada aos nosos rivais nas dúas categorías nas que este ano conseguimos ascender a ligas nacionais ­—xuvenil e sénior feminino—, xa dependentes da Real Federación Española de Fútbol.

O vivido o pasado sábado no campo de Oira en Ourense foi algo inesquecible para os amantes do fútbol e non só polo que se viviu no campo, senón tamén polo experimentado na grada, onde todo o noso xuvenil B, despois de rematar o seu partido, acudiu ata alí para apoiar aos seus compañeiros. Podo asegurar que levo visto miles de partidos en directo, pero como ese non recordaba ningún. Vin unha piña humana das que hoxe en día, por desgraza, xa costa atopar en calquera faceta da vida.

Aproveito para agradecer o traballo de todos os integrantes do noso club, o que fai que un pobo coma Boiro estea a altura das mellores canteiras de Galicia. Aos feitos me remito.