Veciñanza ou cidadanía? Unha reflexión sobre a linguaxe do poder e a dignidade democrática
BARBANZA
Hai palabras que se pronuncian con facilidade, coma quen lanza flores nun mitin, pero que agochan matices que importa recuperar. Nos discursos políticos é común escoitar falar da «veciñanza», dese suxeito amábel e difuso que habita os barrios, que sofre os problemas e que agarda solucións. Mais poucas veces se apela directamente á cidadanía, ese suxeito político que non só vive senón que pensa, decide, vota, protesta e transforma.
Porque ser parte da veciñanza é vivir nun lugar, formar parte dunha comunidade, ter raíces e vínculos. É un termo fermoso, que fala da proximidade, do encontro, da relación co outro. Pero ser cidadanía é algo máis: é recoñecerse con dereitos e deberes, é saberse parte dunha estrutura democrática, é ter voz propia e poder para intervir na realidade.
Cando os representantes políticos —moitas veces de maneira inconsciente— falan só da «veciñanza», están reducindo o papel das persoas a suxeitos pasivos, que reciben medidas, que padecen problemas, pero que non se interpelan como axentes de cambio. E iso é perigoso. Porque a linguaxe constrúe realidade, e esquecer que o verdadeiro poder reside na cidadanía é esquecer o fundamento da democracia.
Unha concelleira, un deputado ou unha presidenta son, antes que nada, persoas elixidas pola cidadanía para representala. Non falan por riba, senón desde o mesmo chan. O cargo político máis importante, o que sostén todo o edificio democrático, non é un escano nin unha alcaldía: é a cidadanía común, a que participa, se informa, opina, constrúe comunidade e tamén esixe.
Por iso é preciso recuperar a palabra «cidadanía» con toda a súa forza política e simbólica. Non para rexeitar a fermosa condición de veciñanza, senón para lembrar que esta, sen dereitos, é só presenza, mentres que a cidadanía é presenza con voz e decisión.
Nun tempo no que moitas decisións se toman de costas á xente, no que as estruturas institucionais se afastan da vida cotiá, é máis necesario ca nunca reivindicar que, sen cidadanía consciente, activa e crítica, non hai democracia que se sosteña.
Porque unha sociedade con barcos sen honra pode afundir, pero unha cidadanía con honra —aínda sen barcos— pode construír futuro.