
A esas persoas que repoñen o combustible do seu automóbil na gasolineira hai que advertilas dos riscos que corren con esa acción
11 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A esas persoas que repoñen o combustible do seu automóbil na gasolineira hai que advertilas dos riscos que corren con esa acción. Case todos carecen do carné de manipulación de combustibles, e seguramente nunca recibiron un curso de formación para facelo. Non é que sexa complexo, pero hai que gardar certas medidas de seguridade, que poden estar escritas pero que ninguén chegou a ler. De feito, poden ser sancionados pola Dirección General de Tráfico por facelo, xa que as estacións de servizo dispoñen de persoal cualificado, formado en prevención de riscos, e que está afeito a repoñer todo tipo de combustibles durante varias horas diarias.
Só determinados establecementos teñen establecido o autoservizo, que inclúe colocarse unhas luvas de protección, papel para limpar os restos e outras medidas de seguridade, que xeralmente non se consultan. Do mesmo xeito que non nos formamos para apagar un incendio na nosa propia casa, e incluso moitas casas nin extintores teñen.
Con todo, deixando a un lado o das gasolineiras de baixo custo, nas que o combustible non é o mesmo que nas convencionais, repoñer combustible na modalidade de autoservizo —algo que se pon de moda en moitos sectores comerciais, para eliminar os custes de persoal— supón un aforro que, na miña opinión, non compensa se un mesmo é o que ten que facer o traballo que outros fan nas estacións de toda a vida. Non temos en conta o que vale o noso tempo, que inclúe colocar as luvas, repoñer, limpar, abrir e pechar o depósito, etcétera. Sen contar que cando entras no coche vas cheirando a combustible. Pénseno.