«Danse as condicións para abrir a entidade, para mancomunar algúns servizos»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Julián Bustelo, novo presidente de Barbanza Arousa, apunta cara a recollida do lixo e asegura que haberá avances no transcurso do ano

19 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Co cambio de ano chega o relevo á fronte da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa. O rexedor de Rianxo, Julián Bustelo, estréase no cargo de presidente e fará a súa posta de largo o vindeiro xoves en Fitur, divulgando a comarca coma un destino ao que os visitantes sempre queren volver. Máis alá dese obxectivo de exercer de impulsor do turismo co que naceu a entidade, o alcalde considera que se dan as circunstancias para avanzar noutros eidos.

—Con que obxectivos asume a presidencia?

—Pola organización da mancomunidade, o cargo de presidente é máis ben simbólico, pois o traballo faise de forma conxunta entre os catro alcaldes, así que a liña será continuísta. Existe boa sintonía entre nós e temos claro o modelo de turismo que queremos, así que non haberá cambios neste sentido. Aínda así, asumo o cargo coa satisfacción e o orgullo de estar aí e achegar o meu grao de area.

—Cal é ese modelo de turismo cara o que camiñan?

—O modelo no que tentamos afondar ano tras ano está baseado en dous piares fundamentais. Por unha banda, a calidade no destino a través dos servizos que se prestan. Unha das ferramentas que temos para garantir esa calidade é o sistema Sicted, que promovemos coa colaboración de distintas empresas. O segundo piar é a sostibilidade. A idea é diferenciarnos de outros modelos nos que a masificación acabou sendo prexudicial para potenciar un destino no que o apego polo territorio e pola paisaxe se traduza no respecto cara o entorno. Estamos conseguindo que a xente que elixe Barbanza Arousa busca tranquilidade e unha paisaxe natural ben conservada.

—Pero a desestacionalización segue a ser o gran reto pendente...

—Si, é un reto no que estamos a traballar, pero é complexo. Aínda así, promovemos actividades que colocan o territorio no calendario, como a Volta ao Barbanza, as probas da ACT, a ruta Máis que Tapas ou o ciclo Paisaxes Sonoras.

—O camiño A Orixe tamén foi impulsado con ese fin, pero semella estar estancado. Hai accións previstas para revitalizalo?

—Levamos tempo traballando para poñelo no mapa e pouco a pouco penso que o estamos conseguindo. Temos que afrontar actuacións conxuntas para o seu mantemento, relacionadas con reposicións de pavimentos e limpezas. E hai que abordar tamén os problemas que teñen os peregrinos para aloxarse.

—Falaba da boa sintonía entre os catros alcalde, é ese o segredo do éxito da mancomunidade?

—Si, temos o modelo de traballo perfectamente definido. Estivemos moito tempo enfocados no eido turístico, pero non queremos quedar aí; danse as condicións para abrir a entidade, para mancomunar algúns servizos que repercutan positivamente a nivel económico e organizativo. Para logralo é fundamental esa sintonía. Ao longo deste ano é posible que teñamos algún avance.

—Pode avanzar en que servizos están pensando?

—Vimos falando e intercambiando documentos para abordar cuestións relacionadas co servizo de recollida do lixo, a implantación do colector marrón e o desenvolvemento de algún programa vinculado con este tema. É complicado avanzar porque temos unha serie de proxectos que teñen que ver con licitacións de fondos europeos que lle ocupan moito tempo aos escaso persoal que ten a mancomunidade.

—Aínda que a maioría dos proxectos en marcha son a longo prazo, cal lle gustaría ver culminado este ano?

—Temos a oportunidade, porque se dan varias circunstancias, de abrir a mancomunidade máis alá do eido turístico. Estamos no momento ideal para empezar a prestar servizos de forma conxunta e para artellar estratexias comúns. Arousa norte non deixa de ser unha gran metrópole e penso que a estas alturas se nos esixe dar pasos nese sentido.

«Se queremos ter un destino sustentable e prestar servizos de calidade precisamos fondos»

Deixa claro Julián Bustelo que chegou o momento de dar pasos firmes para ir máis alá e conseguir que a Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa estenda o seu radio de actuación máis alá do turismo. Pero tamén neste eido son varios os debates abertos que requirirán da adopción de medidas a curto ou medio prazo.

—Vense falando desde hai tempo da carencia de prazas hoteleiras, sobre todo en determinados períodos do ano. Está de acordo?

—Penso que hai moito marxe de manobra aínda nese sentido, sobre todo en algún municipio, como é o caso de Rianxo. Nos momentos de maior afluencia, como é o verán, é cando máis se detecta a carencia, como ocorre coincidindo con determinados eventos, obrigando aos participantes a aloxarse en territorios limítrofes. Hai interese por abrir novos establecementos, pero aí xa entran en xogos diversos factores que tampouco somos quen de controlar.

—Esa falla de prazas hoteleiras está a suplirse con vivendas turísticas. É a mancomunidade partidaria de limitalas?

—Temos falado do problema que se pode xerar polo incremento deste tipo de vivendas, porque xa se está a reducir o número das que están destinadas ao aluguer anual. Temos que estar atentos para impedir que esta problemática vaia a máis e tamén ver os movementos que realizan outros concellos nos que a situación é máis preocupante para tomar decisións axeitadas.

—Hai algún acordo tomado sobre a implantación da taxa turística?

—É outro tema que temos enriba da mesa e do que xa falamos en diversas ocasións. É fundamental abrir ese debate, porque se queremos ter un destino sustentable no que se presten servizos de calidade precisamos fondos para financialos. Tamén neste sentido debemos estar atentos aos pasos que se dan noutros concellos que nos poden servir de exemplo a seguir.