Santo Olaf

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

12 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai un santo ó que nunca lle rezaremos, ese é santo Olaf, quen ademais de santo foi rei de Noruega, pero deixou moi mal recordo entre os galegos, cando quixo remontar o Miño para facerse coas riquezas dos conventos do interior, destruíndo ó seu paso a cidade de Tui e a súa catedral, secuestrou, matou e esfolou a todos cantos se lle puxeron diante, e, finalmente, un 16 de outubro, estando na corte do duque Ricardo de Normandía, aceptou o bautismo e obrigou ós seus súbditos a facer outro tanto.

 Olaf Haraldsson, moitas veces confundido co seu colega e sogro, o sueco Olaf Skötkonung, xa embarcara como pirata viquingo cando tiña 11 anos, percorreu as costas europeas e cóntase, nalgunha das sagas que lembran as súas fazañas, como en certa ocasión, cando aínda era devoto de Odín, tras asaltar as aldeas que asentaban nas costas dun estreito fiorde, ó querer saír encontrouse co paso cortado na boca do mesmo, por grandes pedras que os nativos puxeran para evitarlle a fuxida, e entón el, invocando ós seus deuses, pediu que subise a marea para poder salvar os obstáculos, o que os seus devotos comparan co paso de Moisés polo mar Vermello. Noutra ocasión, cando soubo que a súa adega quedara baleira, mandou encher os bocois de auga e estes, ó momento, convertérona en cervexa.

 O que si é certo é que Olaf molestouse moito por aprender do cristianismo, non só os seus mitos senón tamén a organización dos reinos cristiáns, e así se conta da ocasión en que viaxando polo Mediterráneo se lle apareceu en soños un tipo barbudo e rodeado dunha luminosa aura que lle aconsellou volver a Noruega para ser rei. E foi daquela cando, de regreso, parou no ducado de Normandía e se bautizou.

 Buscando a unificación con Suecia, decidiu dirimir co rei, seu futuro sogro, mediante unha partida de dados, a quen lle pertencía o territorio. Aquel axitou o gobelete e saíronlle dous seises, entón o noruegués, invocando ó deus cristián, lanzou os seus e milagrosamente un dos dados partiu, saíndo, no enteiro un seis e no roto un seis nun dos anacos e un un no outro. Logo todo se amañou cunha voda.

 Como é propio das haxiografías, son moitos os milagres e portentos que rodean a súa vida, como o acontecido no momento de morrer, cando se escureceu o ceo e houbo unha terrorífica tormenta; e iso foi durante a batalla de Stiklestad, no 1030, onde morreu invocando á divindade cristiá; e contan que un cego que por alí andaba, o lavar os seus ollos co sangue do finado, recuperou a vista.

 Dada a traxectoria deste santo, é de supoñer que o seu cristianismo se fundamentaba máis en atar en corto ós seus súbditos, a quen ameazou con executalos ou mutilalos se non se bautizaban e cumprían coas leis dos bispos, polo que, ó ano de morrer, no 1031, foi canonizado e a súa tumba converteuse nun lugar de peregrinación.

 Aínda así, e a pesares de que en Cavarrubias (Burgos) lle erixiron no 2011 a única capela da Península dedicada a el, en Galicia non coñezo ningunha imaxe súa, en ningunha igrexa, ermida ou catedral, e é que, por moi santo que sexa, tiña moi malas pulgas e non deixou moi bo recordo entre nós.