Tanatorios

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

MARTINA MISER

03 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A imaxe que temos dos tanatorios en Galicia é a dun templo, pero clásico. Con tríglifos e métopas, con columnas clásicas coroadas por capiteis xónicos, corintios, dóricos, como hai dous mil anos. Non entrou nestes templos a modernidade, excepto en edificios punteiros como o tanatorio de León, onde a arquitectura moderna acompaña á familia nos últimos momentos da vida dos seres queridos.

Parecen todos cortados polo mesmo patrón. A pedra parece imprescindible, e canto máis traballada mellor, e no interior atopamos elementos clásicos, de escaiola, que nos transportan a Grecia ou a Roma. Parece que dá máis seriedade que os lenzos planos da contemporaneidade.

Quero pensar que todo ten relación coa relevancia histórica da morte en Galicia, que supón un dos ritos máis importantes da nosa vida, e que por iso prima a solemnidade, tamén unha falsa sobriedade.

Este tipo de arquitectura tamén se asocia, en Galicia, co éxito e prosperidade das familias. Transportan a estes edificios, nos que facemos a transición entre a vida e a morte, o que gran parte dos galegos levan a cabo nas propias casas para demostrar bondades económicas. Asociamos os cartos e o éxito familiar con edificios doutra época. Parece que se non usamos a pedra ben ornamentada é que non dispoñemos de posibles na vida, tamén na morte. Hai un paralelismo tamén coa arquitectura dos camposantos, que polo xeral están compostos de centos de templos prefabricados de pedra.

Vivir no país do sol poñente ao que viñan peregrinos de toda Europa a purificar a alma antes de morrer é unha mochila que nos pesa, e moito.