Rianxo despide a Pepita de Bealo, a primeira veciña muda que aprendeu lingua de signos

Pepa Martínez Vicente

BARBANZA

Pepa Martínez Vicente
Pepa Martínez Vicente

Faleceu aos 69 anos e deixa un gran baleiro no municipio

10 jul 2024 . Actualizado a las 13:36 h.

Deixounos sen avisar Pepita de Bealo, a miña veciña desde hai 42 anos. Chamábase Josefa Piñeiro Castro, pero todos a coñecíamos por Pepita a muda; a muller de Marcelino o mudo, ou a nai de Marcelino, Cristina e Trini. Foi a primeira muller do municipio que foi aprender a falar a través da lingua de signos ao colexio de xordomudos de Santiago, e unha das primeiras de Galicia, e falaba ata polos cóbados.

Presumía dos seus 69 anos porque podía. Coqueta sempre, gustáballe levar os broches ou bufandas que eu lle facía a ganchillo ou calceta, para combinar cos abrigos e chaquetóns, que ela queria pagarme e eu non lle quería cobrar porque llos facía con cariño, pero ela sempre me obrigaba a cobrar en cafés no Costillar, ovos ou prantas. Non quería deber nada.

Tiñamos longas conversas onde me contaba as súas cousas e eu as miñas nunha linguaxe particular, só nosa, na que nos entendiamos á perfección. Sempre cun sorriso, sempre orgullosa dos seus fillos e netos, sen esquecer aos sobriños de Bealo, sempre contenta de facerlles a comida para cando chegasen de traballar e pasarlle o ferro á roupa de Trini e dos netos para que a filla puidese descansar despois de chegar do traballo.

Pepita, deixas un baleiro moi grande no meu corazón e máis grande ainda na túa familia. Con quen vai a ir tomar café todos os mércores á mañá tua irmá Pilar? Marchas, e deixas moito por contar, moitas conversas nas que falarmos de como medran os netos. Xa non me dirás máis que lle vas facer de comer aos teus. Alá onde vai a túa alma, Pepita, que atopes con quen ter as conversas que non teremos ti e eu neste mundo. Porque eras a muda mais faladora que coñecín.