Dásme unha tirita?

Olegario Sampedro NO LUSCOFUSCO

BARBANZA

Cáusame unha profunda desolación a cantidade de adultos que mostran, sen rubor, unhas formas maleducadas"

18 may 2024 . Actualizado a las 09:55 h.

Nunca me preocupou facerme maior polo simple feito de sumar anos ou porque a aritmética elemental me advirta de que dispoño de menos tempo por vivir do que levo vivido. Quizais sexa un mecanismo de subsistencia psicoemocional, pero coleccionar engurras, que o cabelo medre branco ou ter dereito á tarxeta dourada de Renfe non ocupan ningún espazo no meu repertorio de preocupacións. O que realmente me produce pánico é que chegue un momento no que a idade signifique un lastre para contemporizar co presente e que os tempos pasados se convertan no escenario máis cómodo no que situarme.

Teño a fortuna de que toda a miña vida laboral é desenvolta entre xente nova, algo que me permite coñecer, de primeira man, os cambios que as actuais xeracións aportan á sociedade nunha dinámica imprescindible para o avance social. Non obstante, tamén é obvio que nin todo o que aporta a modernidade resulta necesariamente útil nin todo o que proveña do pasado deriva inútil. Existe un inventario de valores tradicionais que, tacitamente, todos concordamos en seguir inculcando na nosa xuventude.

Un destes indispensables contidos son os bos e respectuosos modais no trato interpersoal. Non subsistiriamos como humanidade sen non foramos quen de practicar e transmitir esas formas de compostura.

Hai un tempo, no IES no que traballo, iniciamos un programa educativo co fin de redobrar entre o alumnado o uso de dúas expresións básicas de respecto: grazas e por favor. Nesas andabamos cando chegou un alumno á sala de profesores e sen mediar máis palabra, díxome: «Dásme unha tirita?». Enfaticamente contesteille: «Por...?». O rapaz respondeu: «Porque jodín un dedo». Aparte da gargallada, os modos do estudante non nos deben desalentar porque se algo debemos ter presente é que falamos dun individuo socialmente debutante e nunha etapa da aprendizaxe onde o fallo é censurable mais corrixible.

O que persoalmente me causa unha profunda desolación é a cantidade de adultos que deberan ter esa lección ben aprendida pero mostran, sen rubor, unhas formas maleducadas, nada respectuosas e un uso continuado do insulto. Non hai máis que ver os modos cos que piden tiritas os inquilinos do lugar máis sacro da nosa democracia: os parlamentos.