Manuela Oviedo: «Para o sector pesqueiro o programa de axudas do GALP é unha oportunidade»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Manuela Oviedo leva desde o ano 2010 á fronte do GALP Costa Sostible
Manuela Oviedo leva desde o ano 2010 á fronte do GALP Costa Sostible MARCOS CREO

Recoñece que a creación desta entidade permitiu poñer en marcha proxectos moi importantes comprometidos co territorio

19 feb 2024 . Actualizado a las 08:19 h.

O próximo 2025 cumpriranse 15 anos desde que Manuela Oviedo colleu as rendas do grupo de acción local do sector pesqueiro GALP Costa Sostible, que abarca os concellos das rías de Muros-Noia e Fisterra. Neste tempo o seu traballo foi dando pasos pouco a pouco, apostando por impulsar proxectos cada vez máis importantes e comprometidos co territorio.

—Como cambiou o traballo do GALP desde a súa posta en marcha no 2010 ata agora?

—Eu creo que fomos evolucionando positivamente dentro do territorio. Comezamos cun GALP onde non tiñamos moita implicación do sector pesqueiro porque non estaban acostumados á xestión deste programa de subvencións, senón que sempre tiveron as axudas directas por parte da Administración. Pouco a pouco, o sector foi ganando implicación no grupo, implicación no territorio, meteuse na dinámica deste programa e eu penso que nestes intres ese reto, que era a nosa prioridade, está conseguido.

—Esa implicación do sector pesqueiro tamén deixou pegada na zona, con moitos proxectos en marcha grazas a esas axudas tramitadas polo GALP.

—O sector do mar sempre ten prioridade no programa de axudas e ten dereito a un maior porcentaxe. Traballouse directamente con eles para que se puidesen materializar as súas iniciativas. Ademais, o feito de que se poidan presentar proxectos conxuntos axudounos moito para que varias confrarías traballaran en común para buscar un mesmo obxectivo e que se puidesen optimizar os fondos. Pouco a pouco foron uns arrastrando aos outros. Eu penso que, agora, para o sector pesqueiro o programa de axudas do GALP é unha oportunidade.

—Iso significa que xa están esperando por esta nova convocatoria.

—Exactamente, porque cada ano a media de proxectos que obteñen axudas son sobre 15. Sempre traballamos con iniciativas que teñen presupostos importantes. O creto é o que é, e sempre esgotamos todo o diñeiro da subvención, porque as propostas presentadas requiren unha inversión considerable.

—Ao longo de todos estes anos foron moitísimos proxectos os que saíron adiante grazas a estas axudas, ¿ten algún especial?

—Eu creo que non me podo inclinar por ningún, porque hai moitos que poden servir como modelo, que promocionan este tipo de programas e que realmente foron tractores para dar a coñecer o territorio. Aínda que hai un que penso que é unha iniciativa moi importante e de referencia: a aula sostible do Freixo. Neste proxecto conflúen o tema da inclusión, o sector pesqueiro e o mantemento do medio mariño, porque aos plásticos que se retiran nas limpezas de praias se lles dá un novo uso como útiles para o sector pesqueiro, converténdoos en agullas para as redeiras de Portosín.

—Que factores pesan máis á hora de conceder as axudas?

—O que máis pesa é o compromiso con este territorio sostible que procuramos. Nós agora valoramos moito a compoñente medioambiental, que se inclúan medidas de economía circular, a innovación orientada cara a competitividade e, loxicamente, seguimos apostando por proxectos que impulsen a posta en valor do noso patrimonio costeiro, que ten unha valía moi importante. O coidado da paisaxe tamén é outra cuestión que temos moi en conta, que os proxectos non supoñan alteracións no territorio, ademais de que sexan iniciativas que loiten contra o cambio climático e que dean prioridade á inclusión e á accesibilidade.

—Cando se coñecerán os beneficiarios?

—Ata o 29 de febreiro poden presentarse os proxectos, e eu penso que polo mes de xuño xa se coñecerán os beneficiarios das axudas, que procuraremos que sexan todos.

«Que as embarcacións de pesca poidan levar visitantes vai ser unha actividade moi atractiva»

O turismo tamén é una peza moi importante para o GALP Costa Sostible, que sempre intentar xerar un nexo de unión co mundo mar.

—Foron pioneiros no turismo mariñeiro, que pasos seguen dando nesta liña?

—Estamos cunha acción que promove o GALP para que se poidan xerar proxectos de turismo mariñeiro no territorio. No ano 2011, coa creación de Mar Galaica, xa o puxemos en valor en todas as entidades institucionais, logrouse que a Consellería de Mar quitase o proxecto lexislativo para poder facer actividades de turismo mariñeiro, e agora o que estamos é formando á xente para que emprendan iniciativas deste tipo no territorio. Non van a ser guías turísticos, que non se entenda mal, porque pode suscitar certas suspicacias no sector. Nós o que facemos é formalos para que, no desenvolvemento da súa actividade, realmente lle poidan dar ao visitante un discurso que sexa de interese.

—Como están indo os cursos? Teñen moita aceptación?

—Moitísima, iniciamos dous grupos o luns con xente da confraría de Noia, nesta semana que vén farémolo con outros tantos en Muros, e na seguinte poñeremos en marcha o curso de pesca turismo, no que estamos moi esperanzados porque entendemos que o feito de que as embarcacións de pesca poidan levar visitantes vai ser unha actividade moi atractiva no territorio e creo que vai ser bastante demandada.

—Falando da confraría de Noia, aínda que é unha situación xeneralizada, como se ve desde o GALP a mala campaña deste ano?

—Nós o que tratamos de facer, e unha boa proba son estes cursos de turismo mariñeiro, é crear oportunidades para o sector e fomentar a diversificación de actividades que poden ter relación con eles.