Luís Pérez: «A posibilidade de mancomunar servizos é un debate que hai que abrir»
BARBANZA
Botar a andar o plan de sustentabilidade turística e impulsar o Camiño A Orixe son os grandes retos da mancomunidades Barbanza Arousa para este ano
28 ene 2024 . Actualizado a las 17:44 h.Como ocorre cada comezo de ano, hai uns día producíase o relevo na presidencia da mancomunidade Barbanza Arousa. O rexedor boirense, José Ramón Romero, cedíalle o posto ao ribeirense, Luís Pérez Barral. Por diante preséntanse meses decisivos, pois os retos que están enriba da mesa son ambiciosos e supoñen grandes investimentos.
—Cales son os obxectivos da mancomunidade para este ano?
—Un dos máis importantes é a posta en marcha do plan de sustentabilidade turística, que ten como eixos a enogastronomía, a historia e a natureza. Inclúe varias accións concretas nos concellos, como a posta en marcha de museos en Boiro, Ribeira e A Pobra, e dun espazo gastronómico en Rianxo. Tamén queremos sacar adiante os destinos turísticos intelixentes.
—En que consiste esa iniciativa?
—Do que se trata é de impulsar a ruta xacobea por mar a través da innovación, permitindo, a través de ferramentas dixitais, obter información dos recursos turísticos de toda a comarca. Deste xeito, aqueles que cheguen aos nosos portos deportivos verán os atractivos que hai e poderán decidir a cales desprazarse.
—No que respecta ao plan de sustentabilidade, está decidido en Ribeira onde se construirá o museo da salgadura?
—Vaise situar na punta do Castro, nas ruínas da fábrica de salgadura que hai alí. Será un museo ao aire libre, para o que se aplicarán diferentes ferramentas dixitais, polo que non está prevista a reconstrución do edificio.
—Pensa que este plan pode ser o revulsivo que precisa a comarca para despegar?
—É a idea. Se por algo se caracteriza Barbanza é pola natureza e a gastronomía, así que temos que seguir traballando neses dous eixos, vinculándoos á longa tradición do mar.
—Entra nos plans seguir impulsando o Camiño A Orixe?
—Por suposto. Abraioume a cantidade de xente que está facendo este camiño. Teño constancia de que hai locais hostaleiros que xa notan esa afluencia. Temos un proxecto para manter a ruta en boas condicións e tamén imos colaborar co Concello de Dodro para prolongar a sinalización. Ademais, estamos promovendo experiencias náuticas ligadas á Orixe.
—Falouse en varias ocasións da necesidade de abrir albergues, como o ve?
—Temos locais de restauración e hostaleiros con capacidade para acoller a peregrinos e o Camiño ten que redundar no seu beneficio. A medio prazo si que se podería estudar se son suficientes ou non.
—A anterior mancomunidade acabou fracasando, cal é o segredo do éxito desta?
—É a colaboración entre os concellos, hai moi boa sintonía e os catro sabemos poñer en común estratexias a longo prazo para potenciar todo o territorio. Loitamos por acadar metas comúns máis alá das cores políticas.
—A mancomunidade dedícase case en exclusiva ao eido turístico, ve factible estender a súa influencia a outros campos?
—Penso que si se debería poñer enriba da mesa unha posible ampliación das competencias e analizar a posibilidade de mancomunar servizos, algo que redundaría nun beneficio económico para os concellos. Un refuxio de animais comarcal ou ás áreas de seguridade e limpeza son susceptibles de seren xestionadas de forma conxunta. A posibilidade de mancomunar servizos é un debate que hai que abrir. Temos, por exemplo, un proxecto para que as oficinas de turismo dos catro concellos estean conectadas.
—Quizais se demora ese debate por medo a que xurdan discrepancias?
—Non creo que sexa ese o problema. O que ocorre é que cada concello ten unha realidade diferente e polo tanto, as solucións non poden ser idénticas. Temos que ver como se poden mancomunar servizos, pero garantindo a súa correcta prestación.
«Vivimos nun lugar que a xente elixe para pasar as súas vacacións e iso convérteo en especial»
O turismo é o eixo das accións que leva a cabo a mancomunidade, pero este sector ten implicacións que van máis alá de atraer turistas. O escenario actual está marcado en Barbanza pola escaseza de prazas en hoteis e o aumentos das vivendas turísticas, temas que Luís Pérez considera que hai que abordar.
—Estreouse como presidente en Fitur, como foi a experiencia?
—Foi unha gran responsabilidade representar a Barbanza Arousa en Fitur. Tentei explicar as potencialidades que ten o destino, destacando a gastronomía, a natureza e a historia relacionada co mar. Temos moito potencial. Sempre digo que vivimos nun lugar que a xente elixe para pasar as súas vacacións e iso convérteo en especial. O importante agora é saber vender o que temos para que a xente que ven non só volva, senón que tamén recomende este destino a outros.
—Fálase de atraer turismo, pero ten a comarca capacidade suficiente de aloxamentos?
—Temos que seguir cooperando co sector privado, darlle facilitades para que asenten aquí os seus negocio. Estamos en contacto con empresas neste sentido. Penso que si que se poderían crear máis prazas de hoteis.
—Agora mesmo hai máis prazas en vivendas turística ca en hoteis, que opina do auxe deste tipo de negocios?
—As vivendas de uso turístico deberían estar reguladas, porque supoñen unha competencia desleal para aqueles negocios que xeran postos de traballo e un dinamismo económico. A Xunta debería tomar cartas neste asunto, pois tamén provoca falla de vivendas para aqueles que queren residir e traballar na comarca.
—Pero os concellos tamén poden regular esta cuestión...
—Para os concellos, sobre todo para os pequenos, resultaría moi complicado. A Xunta é a que ten a competencia en materia de vivenda. Ademais, asumindo ela a regulación evitaríase unha disparidade de criterios.