Auga por caridade

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

23 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un conto bérber que nos fala do diluvio, pero nesa versión a auga non cae do ceo senón que abrolla de entre as pedras de todos os fogares do mundo. E di o narrador que alí onde antes quentaba o lume ese día manou a auga, xustificándoo porque non podía vir do ceo un castigo tan grande. E é que o Alá dos musulmáns desta etnia do norte de África é como o noso Deus do Novo Testamento, un cacho de pan, nada que ver con aquel castigador, vingativo e malencarado Deus do Vello que ata facía chover lume.

Nós de auga, chuvia e regatos sabemos un pouco, de tal maneira que ata lle temos un nome a cada tipo de enxurrada, e se unhas veces a contemplamos como caída do ceo, outras ben había que encher de ovos a Santa Clara para que escampase; pero é que este ano veu tan mal repartida que, se nós temos que baleirar os encoros polo sumidoiro, noutros puntos da Península xa se lles secan sós. E non esquezamos o refraneiro galego, chuvia por santa Lucía (13 de decembro) tolle a sardiña, co que, de cumprirse o refrán mal lle vai ir ós xeiteiros.

A finais da década dos setenta xa se falaba de barcos alxibe, para transportar auga das rexións húmidas ás secas, o cal, polos cálculos que daquela se facían, era moito máis doado ca montar equipos de desalganizado ou acuedutos que levasen a auga dos ríos máis caudalosos ás hortas de Murcia e Valencia. Daquela non se falaba tanto do cambio climático, pero xa se sentían os seus efectos, e entón chegaba setembro e, sen previo aviso, caía a gota fría e o leste da Península botaba chispas e abría as esclusas.

Estes días, cando aquí xa estabamos cansos de tanta auga anegando os campos e matando o marisco das praias, aló por Cataluña teñen que mercar ata a que usan para lavar a cara, e volven a esa idea de finais dos anos setenta para fretar buques que lles leve a que nos sobra. E non deixa de ser curioso cando sabemos, dende principios de século, os grandes problemas que por aló teñen para facer transvases dende o Ebro ou o Texo, temendo quedar sen gota por aliviar as sede dos outros. De feito, hoxe en día, xa hai barcos que fan o transporte entre Tarragona e Barcelona, como na seca do 2008, que ata viñan de Marsella para abastecer a capital catalá.

Naqueles finais da década dos setenta, en Ferrol aplaudían a proposta dos buques alxibe e loábamos ó ceo por permitir a sede allea, pois calculaban os especuladores que iso ía ser traballo para os seus estaleiros, pero as compañías marítimas non viron o negocio e todo quedou en nada. Que nunca tanto escampou que non chovese. Só é de agardar que, aínda que sexamos tan bos como a boa samaritana e cedamos a auga dos nosos pozos baixo a premisa de dar de beber ó sedento, se algún día nola piden, polo menos que os barcos sexan construídos nalgún dos nosos estaleiros e que a tripulación e a empresa armadora sexan galegas, pois, como é sabido, a caridade ben entendida empeza por un mesmo.