Carlos Callón, finalista dos Premios Barbantia da Cultura: «As raíces da persecución do galego son moi profundas»

Laura Ríos RIBEIRA

BARBANZA

CEDIDA

O autor ribeirense é un dos finalistas dos Premios Barbantia da Cultura deste ano

24 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Contrario do que pensan moitos pais, os tempos de inocencia acaban pronto nos nenos. Cando os rapaces dan os primeiros pasos cara a preadolescencia, non só empezan a experimentar cambios no seu corpo, senón tamén na súa maneira de ver o mundo. Pouco a pouco comezan a desenvolver un pensamento propio que ás veces choca co dos proxenitores ou o dos compañeiros de clase. Se o mozo en cuestión empeza a reflexionar sobre por que a xente do seu entorno emprega cada vez menos o galego, atoparase con comentarios como «quien no lo habla es porque quiere», algo que desmenten obras como O libro negro da lingua, de Carlos Callón.

O autor, que este ano é un dos nominados aos Premios Barbantia da Cultura, explica que hai moita xente que descoñece cal foi a situación do idioma ao longo da historia: «Moitos non saben das multas e sancións que se lles impoñían a quen o falaba». Para facer da súa investigación unha especie de viaxe no tempo separada en diferentes capítulos, o ribeirense comezou no século XV, concretamente no ano 1480, cando os reis católicos, Isabel e Fernando, esixen que os escribáns sexan examinados en Valladolid con formularios en castelán.

Este cambio histórico foi o primeiro de moitos, manifesta Callón: «As raíces da persecución do galego son moi profundas, o que sorprende non é que cada vez haxa menos falantes, o que sorprende é que se manteña vivo». Facendo un pequeno salto cara adiante nunha imaxinaria liña temporal, fala tamén dun dos textos que atopou mentres levaba a cabo o proceso de documentación: un escrito do século XVI no que se especifica con todo luxo de detalles o tipo de malleiras que había que darlle aos nenos que se atrevesen a non falar español.

Como anécdota que reflicte á perfección a teima das diferentes Administracións e esferas de poder de deixar de lado a lingua de Castelao, conta a historia dunha lápida desa mesma época na que a persoa enterrada pasa de chamarse Tareixa a Teresa en tan só un par de liñas: «Era algo moi común que aínda podemos apreciar nos nosos días coa enorme presenza de apelidos adaptados ao castelán».

Pura violencia

Esta discriminación foi cambiando ao longo dos anos e chegou á súa cúspide durante o franquismo, un escuro episodio da historia nacional que moitos lembran non só por próximo senón tamén por violento. «A ditadura non inventou nada novo, simplemente aplicou a política lingüística que xa existía cunha brutalidade extrema», afirma Callón.

O ribeirense fai énfase na necesidade de que os barbanceses coñezan as historias de represión que viviron os seus propios familiares e como a sombra da prohibición segue sobrevoando os fogares da comarca, nos que os maiores gardan vivencias que moitas veces prefiren non lembrar. Pon como exemplo próximo o caso dun taxista rianxeiro ao que as autoridades ameazaron dicíndolle que se non empezaba a escribir «Rianjo» ía ter serios problemas nas seguintes 48 horas. Ese e un par de conflitos máis levaron ao home a emigrar.

Pola contra, a discriminación do galego non parou en 1975 coa morte do ditador, senón que chegou aos anos 90 e á actualidade, defende o escritor. «Xa morto Franco, un antigo alcalde da Pobra non permitía o uso do galego nos plenos do Concello nin tampouco que se elaboraran documentos».

Pensa que a loita en pleno 2023 debe concentrarse en frear a ruptura da transmisión xeracional do idioma actuando en todos os niveis, sobre todo nos ámbitos relacionados coa ensinanza.