Alingua bota man de Touriñán, Tanxugueiras ou Ledicia Costas para levar o galego ás aulas

M. X. B. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

A asociación, da que forma parte Rianxo, anunciou o lanzamento de diverso material para os institutos

08 nov 2023 . Actualizado a las 14:22 h.

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, Alingua, que aglutina os servizos de normalización lingüística dunha vintena de concellos, presentou as actividades para este outono, entre as que figura o lanzamento do Catálogo de referentes. Trátase dunha guía dirixida ao alumnado que bota man de figuras destacadas de diferentes eidos sociais e culturais a través das que se busca conectar coa mocidade. Touriñán, Tanxugueiras, Ledica Costas, Ismael Ramos e Luís Davila figuran na longa lista de rostros cos que se persegue visibilizar o uso real da lingua en ámbitos diversos e de prestixio.

Esta guía dixital, de descarga libre, recolle máis de corenta figuras salientables de áreas tan diversas como a comunicación, o deporte, as artes plásticas, a música, a gastronomía, a ciencia ou as novas tecnoloxías. Foi presentada nun acto que contou coa presenza de Olalla Figueira, concelleira de Rianxo, un dos concellos integrantes de Alingua.

Este Catálogo de referentes complétase cunha guía didáctica que pon a disposición do profesorado dos centros de ensino de secundaria de toda Galicia unha serie de actividades para achegar ao alumnado a relevancia destas figuras que utilizan a lingua galega na súa vida cotiá.

Entre as iniciativas pensadas para este outono pola asociación figura tamén a Cartografía sensorial, un espazo virtual que recolle paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade e que ten como obxectivo amosar a riqueza das diversas falas galegas e enxalzar a diversidade lingüística dos concellos membros.