
Sempre pensei que teño unhas olleiras moi pouco atractivas, coma se fosen un par de pequenas lagoas negras debaixo dos ollos que lle restan vida á miña maneira de escudriñar a realidade na busca de algo o suficientemente excitante como para impresionar a un cerebro nativo dixital.
Como boa filla da tecnoloxía dos 2000 en diante, cada vez que me asaltan as dúbidas sobre algo relacionado co meu aspecto busco en internet algunha máxica solución que me acerque á felicidade que se supón que che ofrece o feito de «estar buena».
Láseres e xeringas de todas as cores e tamaños aparecen ante o meu rostro estrañado mentres as miñas pupilas loitan por procesar a enorme cantidade de luz azul que sae da pantalla do teléfono mentres penso «non sei, iso de poñer botox non o vexo, e se despois me queda a cara sen expresión como a Kylie Jenner?».
Entón prosigo a miña busca ata caer na conta de algo máis: se amaño a zona ocular, estaría ben meterlle man ao resto da cara non? Quitar as marcas dos antigos grans que a poboaron, darlle un toque ao nariz, previr engurras con cremas que non podería pagar nin pedindo un crédito... Hai que ver as voltas que da unha cabeciña a certas horas da madrugada!
Nun acto de bondade comigo mesma solto o maldito teléfono e déixoo repousar na almofadas, quizais co ánimo de que o xesto tamén se traduza nun apagón dos meus pensamentos. Pouco a pouco a lavadora mental que levo enriba dos ombreiros vai parando o programa de centrifugado. Aí é cando chega a última pregunta. ¿E se deixo de obsesionarme co meu físico e probo a ser feliz? Cando saiba os resultados do experimento, ireillos contando por aquí.