O regreso

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Hacer yoga o estiramientos en la playa es una opción recomendada por los expertos para manternos activos en vacaciones.
Hacer yoga o estiramientos en la playa es una opción recomendada por los expertos para manternos activos en vacaciones. iStock

Non é doado regresar. Non hai máis que ver as voltas que deu Odiseo, ou Ulises, para volver a Ítaca, e iso que lle agardaba a súa terra querida, a muller Penélope, o fillo Telémaco e o can Argos. Eu creo que a Ulises, aínda que botara moito de menos á familia, o que lle pasaba é que non quería volver ao traballo: a contar as ovellas da facenda, buscar orzamento para retellar o pazo minoico e pleitear cos cabreiros que se queixaban da renda dos queixos.

E que raio, por moito tempo que Ulises marchara de casa, ao final estaba de cruceiro polo Mediterráneo, escoitaba sereas e aínda se lle cadraba por casa de Circe, que sempre estaba disposta a celebrar algo.

A última semana de agosto é ese momento no que a xente lle pide ao árbitro unha prórroga. Se cadra unha semaniña, ou quince días máis de folganza. O problema é que as prórrogas a min sempre me pareceron agónicas. Tanto nos partidos de fútbol como na vida.

Porque a última semana de vacacións sempre é ese momento no que o corpo xa se vai dispoñendo con melancolía a afrontar o novo ciclo, no que xa non estás totalmente no descanso, nin por suposto pos un pé no traballo. E ademais, a diferenza do fútbol, sabes sempre que o gol vancho meter, ao final, na túa portería.

Así que prefiro pensar no regreso ao revés: que parto do lugar feliz e tranquilo que é a familia, a vida e as vacacións e me adentro coa nave no proceloso mar laboral, disposto a descubrir novas illas, loitar contra cíclopes e baixar a inframundos. Míreno así: se cadra ata lle collemos gusto.