Teresa Pérez Torres: «O cancro é unha enfermidade que nos pode afectar a todos»
BARBANZA
A pobrense destaca a implicación dos veciños en todas as iniciativas que se promoven dende a entidade benéfica
04 sep 2023 . Actualizado a las 10:37 h.A solidariedade é unha das calidades sociais máis necesarias nos tempos que corren. Aínda que existen innumerables formas de axudar desinteresadamente ao próximo, as entidades benéficas son unha das caras máis visibles e apegadas á cidadanía. A Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) representa a loita das miles de persoas que cada día loitan contra esta enfermidade. Os intereses deste colectivo en A Pobra do Caramiñal deféndeos dende hai uns meses Teresa Pérez Torres, nova presidenta da entidade despois de case tres décadas ao pé do canón.
—Como está sendo esta primeira etapa no cargo?
—Pois moi ilusionante. A xente está implicada con nós, colabora e axuda a levar a cabo todos os proxectos que propoñemos. Co tema do covid quedaron aprazadas moitas das actividades que propoñiamos, pero co cambio de directiva apostamos por unha liña continuísta para darlles saída. Para min é algo emotivo, dende que cheguei teño todo o apoio e está a ser unha experiencia moi positiva.
—Menciona a colaboración da xente. Nunha entidade coma a AECC debe ser fundamental no día a día.
—Por suposto. A implicación é total. Temos xente moi veterana que leva anos colaborando e que manteñen a ilusión do primeiro día. Tamén comprobamos as ganas de persoas alleas que se interesan pola nosa actividade. Acércanse ás mesas informativas a mirar se temos material novo, a pedir información de cando imos facer actividades... O pobo implicouse moitísimo.
—Cal diría vostede que é a súa actividade máis relevante?
—Cada un ten a súa esencia, pero seguramente a andaina ou a cena, que temos previsto facela no 2024. Tamén estamos involucrados en varios proxectos pendentes que esperamos sacar antes de que acabe o ano. A cena ten moita aceptación e queremos que cada vez acuda xente máis moza e promulgar hábitos saudables. A cena non só busca a recadación de fondos. Por outro lado, título persoal considero que a andaina que organizamos este ano foi todo un éxito.
—Aínda que non sexa o único obxectivo, recadar fondos é fundamental.
—Si. Aínda que sexa pouco toda moeda é boa. Gran a gran faise unha montaña e nós estamos contentísimos con facer actividades, sexa cal sexa e supoña o que supoña. Poder ter cartos para investigación é fundamental e cada vez a poboación está máis concienciada con iso. O cancro é unha enfermidade que nos pode afectar a todos. Se non é directamente pode ser a través dalgunha amizade, dun familiar ou dun coñecido e debemos darlle apoio aos que a padecen. A xente ten que saber que estamos aí para o que necesiten.
«A apertura do local comarcal é moi importante para nós»
Cando se trata dunha enfermidade o apoio e a proximidade son un dos aspectos fundamentais que poden axudar ao que a padece nese duro proceso. Diso son conscientes na AECC, motivo polo que recentemente abriron un local comarcal en Ribeira, feito ao que Teresa Pérez Torres lle outorga un especial valor.
—A apertura dunha sede en Ribeira é un fito histórico para a asociación.
—Sen dúbida. A apertura do local comarcal é moi importante para nós polas posibilidades que nos outorga á hora de axudar. É un lugar para todos e isto faino posible todas as persoas que colaboran por un propósito común. Hai moitas persoas da zona que estaban indo a Santiago podendo ter os servizos aquí ao lado da casa. Queremos que a xente coñeza a existencia dese local porque é un recurso con moito valor.
—Que servizos se ofrecen?
—Dispoñemos de asesoramento social, psicólogo, logopeda, departamento de estética... Ademais, é un lugar no que se transmite moito apoio e no que a xente pode asesorarse e descargar as súas preocupacións.
—Que lle diría a alguén que non coñece a asociación?
—Pois que veña. Somos voluntarios e iso é moi enriquecedor. Os veciños colaboramos de forma altruísta para axudar a persoas que de verdade o necesitan. Sabes que vas a estar para botarlles unha man é unha sensación incrible. Invítoos a colaborar e a poñerse en contacto con nós para o que faga falta.