Unha historia común

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

archivo

13 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Este sábado, dentro do programa de actividades da Semana do Mar da Pobra do Caramiñal organizada polo Concello, visitaremos a vila buscando nela os trazos da cultura do mar. Preparando o a visita, decateime de como a narración do pasado da Pobra do Caramiñal e, en xeral, de todo o Barbanza é moi fragmentario e pouco accesible. O pouco investigado depende da vontade de investigadores concretos que, pola natureza do traballo, tamén están especializados en áreas temáticas e épocas moi concretas. E, aínda que existen algúns traballos de síntese, o certo é que a procura de historias, o encontro coas xentes do pasado, debe ser buscado moitas veces cunha paciencia non apta para público xeral.

Ás veces atópase nos artigos publicados polos eruditos locais localizables na hemeroteca deste xornal, outra volta nas publicacións da asociación cultural Barbantia, ou en actas e publicacións dispersas moitas veces fóra da rede. Dáse un paradoxo, ademais: como o Barbanza ten unha longa tradición de investigación arqueolóxica, sabemos moitas veces máis sobre xacementos de hai miles de anos que das parroquias ou séculos próximos!.

Un bo reto para os vindeiros anos podería consistir nunha aposta conxunta dos concellos da comarca por avanzar nun relato do fascinante e rico pasado común, pensada para todos os públicos e desde unha óptica divulgativa. Iso permitiría, por unha banda, sustentar discursos turísticos sólidos e, pola outra, contribuír a que os veciños foran conscientes do rico pasado que teñen os territorios nos que habitan. Por soñar que non sexa.