MARCOS CREO

«A letra da canción de Los Piratas non ten nada que ver, pero a min sempre me vén á cabeza en período electoral, polo que sexa»

02 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Promesas que no valen nada», cantaban Los Piratas. Aos máis novos igual non lles soa de nada, pero para os que somos un pouco máis maiores é unha desas cancións que, chegada unha hora, se berreaban a voz en grito en algúns locais. A letra do tema non ten nada que ver, pero a min sempre me vén á cabeza en período electoral, polo que sexa. Durante a campaña escóitanse moitas promesas, e agora toca ver se vencedores e vencidos as cumpren. Porque a falta de grandes obras e megaproxectos, que pouco se viron neste 28M, uns e outros asumiron moitos compromisos.

«Lucharé por cambiar», canta Iván Ferreiro. E se houbo unha palabra que se escoitou por doquier nas últimas semanas é a do cambio. Agora está por ver onde pode darse e de que xeito, e se os implicados en propiciar ou non eses cambios cumpren outra das máximas de toda campaña que se prece: «Ahora prometo pensar solamente en ti». Entendemos por ti o conxunto da cidadanía, claro, o ben común, que os políticos na teoría sempre poñen por diante de calquera outro interese e na práctica, non tanto.

«Prometo no seguir así», entoan o mea culpa os que recibiron o recado dos votantes e agora, despois de perder parte da súa confianza, tratan de recompoñerse e buscar apoios para formar goberno: «No voy a fallarte en nada».

Pois está por ver. Cos resultados do 28M na man queda moito por decidir e xa se verá quen actúa coa responsabilidade que esixe ser un cargo electo. Esperemos que todos estean á altura e non ter que cantar aquilo de «promesas que no valen nada, como lágrimas en la lluvia se irán».