Panorama

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

18 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ofuturo dunha civilización precisa alicerces firmes, determinación e ideas claras. Parece que a nosa non o ten: os que nos conciencian sobre a sustentabilidade promoven o consumismo de iconas contrarias. No canto de promover o orgullo polo noso, a educación e o respecto pola historia para un futuro mellor, foméntanse actividades que satisfán os máis básicos instintos, entre eles os concertos reiterados de grandes orquestras que arrastran miles de mozos co único obxecto de inxerir vatios, alcohol e outras cousas. Alén da contaminación luminosa e acústica, o epílogo é o de milleiros de vasos e botellas de plástico ciscados, bolsas plásticas —moitos quedan no ecosistema— e moitos litros de combustible contaminando o ambiente.

Toda esta estrutura apenas deixa beneficio na sociedade que a acolle, nin sequera á hostalería. Gañan as grandes canles de supermercados, que venden alcohol a eito, moitas veces a menores de idade. Sen entrarmos no que poida afectar tanto consumo nos organismos desa mocidade, en moitas partes do corpo.

Case todos temos culpa. A televisión pública galega, no canto de promover valores propios e as nosas raíces, inviste miles de euros na promoción do balbordo, pero tamén moitos concellos promoven e subvencionan estas manifestacións con cartos públicos. Moitos pobos apenas dispoñen dos servizos básicos, pero aforran todo o ano para pagar estes excesos, que duran catro ou cinco horas. Forma parte dun modelo de educación que non fomenta a responsabilidade nin o esforzo. Non é máis que unha variedade da chamada «marca España» deste século.