Home de ideais, fiel a unha ideoloxía, traizoado por aqueles que compartían as mesmas ideas
25 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Noitebra de luces e sombras esvaradías dunhas nubes que fuxían con prontitude. O vento murmuraba e peiteaba, nunha noite de estrelas, luminarias que no seu resplandor deixaban bágoas nas ramas das árbores. Afastados no sixilo, unha manda de lobos conspiraban imbuídos dende a covardía desprezable do ser humano. Rachou o silencio; unha, dúas... quizais tres detonacións... derradeira inspiración, parálise da vida axeonllada pola sorpresa dun estoupido na noite.
O Brasileiro, imaxinación... Goza dende o seu xardín colectivo de estrelas, desfruta da súa fantasía. No futuro dun partido Comunista, sen conspiracións nin traizóns entre os seus. Tamén na súa muller, na profunda soidade, viúva dun roxo, apestada e oculta tras as engurras dun pobo. Mais, xa non é quen de visualizar, de ver con claridade aquel neno de tenra idade, con ollos de inocencia que sempre o despedía cunha interminable aperta.
Pode que ese neno, inocente na ausencia de información, sexa quen de ser feliz, de conseguir acadar a madurez e ser un home de éxito, aínda que sempre marcado pola pegada dunha incógnita, un pai ausente entre as tebras e murmuracións dos veciños. Mesmo é probable que se esqueza do pai desaparecido. Aínda que sempre cargará co xugo insoportable da súa ausencia, unha negra fochanca de espectro masculino co que nunca puido convivir, chamar polo seu nome. Porén, o ser humano, na maioría das ocasións, logra sobrepoñerse aos maiores traumas, e seguir na encrucillada dunha vida de normalidade.
O Brasileiro soñador, home de ideais, fiel a unha ideoloxía, traizoado por aqueles que compartían as mesmas ideas, segue aí no trasmundo, soñando cunha sociedade xusta e de respecto pola vida. Do seu legado queda na historia unha aprendizaxe de profunda e intensa dor, a escuridade dunha guerra entre irmáns que transformou persoas sinxelas e boas en asasinos desapiadados. Para as novas xeracións, toda unha lección que debe ser recollida coa humildade das mentes flexibles, para que a noitebra da inxustiza non volva campar sobre as nosas cabezas axeonlladas polo terror.