Xa teño escrito nestas páxinas o dito de que «la primavera la sangre altera», aínda que eu non creo moito niso. Pero, se o din, algo de verdade terá. Non sei se é por tratarse da estación previa ao verán —que seguramente si—, polas flores ou por simple casualidade, pero o inicio da primavera podería dicirse que me sentou ben.
Malia que a sabedoría popular marca o inicio de todas as estacións os días 21 —crenza que eu apoiaba—, resulta que empezou o pasado luns 20. Nun día libre como ese foi para min, sumado ao solleiro que reinou no meu querido Boiro, houbo que saír a rúa malia as trabas que puxeron meus compañeiros.
Estudos, traballo ou quedar ca moza son as escusas raíñas para evitar unha tarde de amigos, pero ao final conseguín xuntar un par de efectivos para respirar a brisa primaveral. Gafas de sol, pantalón curto do Boiro Voleibol e calcetíns largos foron as prendas elixidas, con isto á fin do mundo.
Furgoneta, un libro e tres amigos que non sabían a que dedicar a tarde do luns, clásico día de narrar as batallas nocturnas da fin de semana, que no noso caso pódense contar dende os dous lados da barra. Historias de nivel e compañía de altura requiren un escenario á par, polo que escollemos o pozo da Armada. Relax, lectura e risas.
Durou pouco esta aventura estival porque a cómoda temperatura que dominaba o día transformouse nun frío deste que non é para tanto, pero que acaba por molestar. Complicada decisión tivemos que asumir, pero pese ás dificultades volvemos acertar. A primeira tarde primaveral acabou coma sempre, nunha boa taberna cun mellor pincho de callos.