MARCOS MÍGUEZ

21 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

seguir coa columna anterior, reflexionemos sobre o que nos di o mestre David Chipperfield sobre o que herdamos, a potencialidade que temos fronte a outros territorios e como debemos respectalo e transformalo de xeito racional e con sentidiño.

Algo que algúns vimos pregoando dende hai tempo sen éxito pode ser posible grazas ao Pritzker 2023. David móstranos como temos algo que outros carecen e, do mesmo xeito que nos indica a Unesco no seu informe sobre o modelo sustentable para acabar coa fame, o noso é unha complexa estrutura territorial, social e alimentaria con base na proximidade, no aproveitamento racional dos recursos, e que non debemos perder polas políticas que veñen de Bruxelas nin por esa teima de que os nosos fillos teñan que estudar para emigrar, algo tan impregnado na nosa sociedade.

Pero o británico tamén nos dá pautas sobre como corrixir erros da época do «desarrollismo» e do automóbil, das présas e do costume de comprar o xornal dende o coche, algo moi americano que como todo o de alí nos tratan de impoñer. O inmediato, co mínimo esforzo.

Pan para hoxe e fame para mañá. O que necesitamos é conservar a estrutura social familiar e próxima, a de barrio, a de vila e aldea na que todos somos coñecidos e mantemos fortes lazos. Son necesarias as grandes infraestruturas porque vivimos nun mundo globalizado, pero sen renunciar a ese minifundio social, a esa construción dun territorio amable e que podemos controlar.

Non ter unha grande cidade en Galicia é unha desvantaxe para algunhas cousas, pero temos unha rede a escala humana que temos que potenciar.