COTO

07 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O lapis é un deses cen mellores inventos da historia. Aínda que moitos pensen que é transición entre a pluma de ave e o bolígrafo, ten moita máis relevancia do que parece. É o último recurso deseñado para nos expresar que é sustentable e que nos permite borrar se erramos, unha prolongación do cerebro a través das mans, que nos permite manifestar un pensamento con distintas texturas, con distinta forza, con carácter.

Os defensores da intelixencia artificial non o verían así, porque pensan que as máquinas poden facer todo o que nós facemos —en realidade, o que nós lle aprendemos—, pero fáltalle a alma, a personalidade que ningunha máquina pode imitar.

Os que estudamos arquitectura no pasado século aprendemos a crear espazos e volumes cos lapis, o que che obrigaba a un exercicio de imaxinación e de corrección de erros, e melloraba as nosas aptitudes creativas e espaciais. Nun curso universitario recente díxenlle a uns alumnos que usaran o lapis e contestáronme que non o usaban, que todo o facía o ordenador. É certo, o ordenador é o que deseña, o que crea espazos, o que define a arquitectura, igual que a calculadora resolve operacións matemáticas máis rápido ca nós.

Debuxar a lapis un elemento volumétrico obrígalle ao noso cerebro a pensar na totalidade do obxecto para non errar. Podemos mesmo dubidar se eses impresionantes proxectos arquitectónicos que vemos ultimamente son deseños de arquitectos ou das máquinas. Pódense considerar creadores espaciais os que utilizan as máquinas para facelo? Serían quen de crear eses complexos volumes cun lapis sobre un papel branco?