Miguel Toña | EFE

28 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai séculos, e sobre todo a partir da época do barroco, todas as civilizacións soñaron —e executaron— cos xardíns como un lugar para gozar con todos os sentidos (vista, olfacto, oído e tacto, sobre todo). Pero sempre se considerou xardín como un elemento ornamental construído sobre a terra, sobre o terreo.

Neste século asistimos a propostas innovadoras de xardíns verticais, que comezaron coa decoración dunha parede medianeira no centro do CaixaForum, en Madrid, pero que teñen o seu referente mundial máis coñecido no Puppy, un can vexetal situado diante do Guggenheim de Bilbao no que millóns de persoas se fan fotos, máis coñecido incluso ca o propio museo de arte contemporánea.

Moita xente non sabe que o mantemento deste can custa nove mil euros ao mes, e do xardín madrileño só sabemos que ten un custo superior ao dun edificio. Claro que estes dous referentes son iconas turísticas en lugares con moita afluencia estranxeira, e resultan rendibles, polo singulares que son.

Non hai moito taparon unha medianeira de uralitas en Sarria cun xardín vertical, ao seu paso polo Camiño de Santiago, e poden vir máis propostas estrambóticas, de políticos que gustan de inaugurar cousas diferentes.

Con todo, temos que ter os pés na terra e os xardíns tamén, porque non somos tan ricos como para facer estes inventos, aos que non lles auguro moito futuro. Custa manter en boas condicións un xardín horizontal, para canto máis un vertical. Porque sabemos que en Galicia adoita chover vertical, e se non chove, hai que regar. Ao final, son macetas colgadas dunha parede.