A fame negra

BARBANZA

23 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Será que estes días estamos fartos de cocidos e orellas, que me veu á cabeza unha expresión moi do Barbanza e do resto de Galicia: a «fame neghra». Todos sabemos o que quere dicir. Tes a fame negra cando ves adoecendo de fame. Todo o mundo nos entende.

Hoxe parei a pensar na expresión e botei un ollo na rede a ver que me contaba. Google deixábame ver que a «fame negra» está ben viva no galego actual, na literatura, na música ou mesmo na gastronomía. Ben, imos para atrás. Galiciana cóntame xa algo curioso: a expresión comeza a aparecer a mediados da década de 1890. Curiosamente, un dos primeiros textos é nun poema de Curros Enríquez: «a fame negra aquí mora / vai con tento / que o seu dente / vivos e mortos devora».

Mirei nas linguas próximas. En portugués usouse algo. Francés nada. En castelán, consultado a Hemeroteca da BNE, a traxectoria é interesante. A primeira mención á «hambre negra» aparece máis de dez anos despois da galega, nun relato asinado por un misterioso Thomas da Fonseca. Se ben o negro, nas linguas romances, emprégase con frecuencia, tampouco hai en galego moitos outros exemplos de uso. Porén, onde foi empregada masivamente a expresión black famine foi durante as terribles crises alimentarias da Irlanda da primeira metade do XIX. Non en Inglaterra, en Irlanda.

Como dato curioso, a expresión case ten desaparecido no uso nas linguas próximas. No galego non, aquí está ben viva no literario e no cotiá. Algo me di que por pasar fame, o que se di fame, non debe ser.