O ribeirense recolleu diversos recoñecementos pola serie web «Falemos do Reino de Galicia»
12 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Existen aqueles que conseguen brillar ata nos ámbitos máis insospeitados. É o caso de Carlos Lixó, ribeirense ao que a súa paixón pola historia acabaría levándoo a gañar un galardón e un nomeamento nos premios Youtubeiras, que recoñecen aos mellores creadores dixitais con contidos en galego.
Pero o nexo que une a Carlos Lixó coa historia ten un comezo moito máis temperá. De feito, nace no berce, algo que explica a fonda relación e sentimento de pertenza que ten o ribeirense coa súa terra: «Venme de pequeno, sempre estiven bastante ligado á historia local. Lembro un traballo do colexio no que tiñamos que recoller elementos da cultura como lendas locais, e eu sempre quedaba moi interesado en como se iría formando co tempo o mundo que eu coñecía».
Malia que Carlos Lixó tivo sempre unha inclinación cara esta rama de coñecemento, o certo é que non foi a única opción que estudou á hora de empezar unha carreira: «Antes de ter claro que quería facer historia, si que souben que me gustaría ser profesor. Dábame igual de galego, historia ou latín, por exemplo, pero si que buscaba dedicarme á docencia».
Tomando rumbo
Aínda que o agora doutor tivera clara a súa vocación, dedícase durante uns anos á investigación, mundo que pronto deixaría ao aprobar, sen agardalo, as oposicións de ensino medio: «Estaba facendo a miña tese e daba clases de historia medieval na universidade cando souben que aprobara, polo que a vida xa escolleu o meu camiño sen deixarme reflexionalo moito, porque a verdade é que non pensaba que fora aprobar».
Aínda que Carlos Lixó sempre destacara como gran comunicador e cultivara distintos ámbitos de expresión como a poesía, no que acabaría conseguindo distintos galardóns, non é ata que lle chega unha proposta da Deputación da Coruña para facer unha serie web divulgativa cando Carlos Lixó decide lanzarse ao mundo de YouTube con Falemos do Reino de Galicia, un proxecto que, da man da cooperativa Suseia e do traballo man a man con David Miranda, acabaría sendo un éxito en redes sociais, significando ademais o galardón dos premios Youtubeiras baixo a categoría de Calidade Lingüística, un recoñecemento que lle fai unha especial ilusión ao historiador: «É verdade que, para ser unha serie documental do medievo, si tivo moita relevancia a escolla lingüística. Falouse bastante diso nas redes, incluso fixo un artigo Manuel Gago reflexionando sobre o tema. Creo de verdade que se pode manter o sotaque do Barbanza e facer contido en calquera rexistro, e estou contento de que se recoñeza».
Revelación nas redes
Aínda que este fora o galardón que Carlos Lixó acabara levando á súa casa, o nomeamento a creador en Youtube revelación tamén significa moito para o ribeirense: «Trátase dun ámbito no que non estaba demasiado acostumado a moverme de forma activa e si que me parece moi interesante».
Recoñece Carlos Lixó que, malia a súa paixón por este novo mundo das series dixitais, precisa do traballo en equipo para ser quen de sacar adiante proxectos coma o de Falemos do Reino de Galicia: «Eu son moi malo para as tecnoloxías e o audiovisual. Interésame moito comunicar e expresarme falando das cousas que me gustan ou das que estudei cando considero que podo achegar algo, pero non podería montar e sacar adiante os materiais».
Por iso, sinala o historiador, parte do éxito de Falemos do Reino de Galicia débese ao traballo man a man: «A colaboración con David Miranda e a cooperativa Suseia foi fundamental, porque na parte técnica eu preciso de moita axuda».
En canto ao que lle depara o futuro a Carlos Lixó, o certo é que o experto en historia medieval non ten nada claro o camiño a seguir: «De momento, estamos pensando nunha segunda temporada da serie web. O proceso foi bo, estamos orgullosos do resultado e imos intentar darlle unha volta máis, pero eu son unha persoa inqueda, polo que non sei canto vou afondar no YouTube, dependerá de como vaian fluíndo os meus intereses co tempo».