Jomes

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

BARBANZA

semana pasada perdín á miña avoa materna, a única que me quedaba. Hai dez anos, o 4 de xaneiro, era o meu avó paterno o que se ía. Chamábanlle Jomes, foi o primeiro en marchar, a primeira morte dun ser querido que tiven que afrontar de adulta. E foi o único ao que non lle escribín nin unha soa liña de despedida. Daquela, no xornal, os obituarios aínda estaban reservados para persoeiros ilustres, e aínda que meu avó o era, non se deu o caso. Así que, agora, aproveito os meus privilexios para resarcirme.

Din que os seres queridos permanecen vivos mentres non os esquezamos, e eu lembro a Jomes. Recórdoo como era, non nos últimos meses, senón antes. Cando se sentaba na presenteira da mesa e levantaba o vaso como sinal inequívoca para que alguén lle botase auga e dicía que o pan é o primeiro que se pon na mesa. As súas risadas coas ocorrencias de meu primo, e cando lle dicía «ai Luís, Luís»; e cando á Pequena lle chamaba Rita. Recordo canto lle gustaba ir ver a banda de música e como remexía o lume cunha vara para que non se apagara. Os ronquidos que atronaban a casa, as conversas coa avoa man a man na cociña, as súas canillas branquísimas. O alto e grande que era, o seu andar pousado, e como lle berraba a meu irmán cando corría moito co matraquillo. Tamén o gabán que herdou papá. Eu son a orgullosa herdeira do seu apelido, porque dos seis netos, son a única que tamén é a Jomes.

Nós lembramos todo iso e moitas cousas máis, e nunca o imos esquecer. Pero debíallo, e se algún día falla a memoria, aí estará a hemeroteca, deixando constancia de quen era Jomes o da Marquesa. Meu avó.