17 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre 85 e 87 centímetros, dependendo da estatura das persoas que viven na casa, esa é a altura á que debe estar o mesado da cociña. Lembrar que nas casas antigas os vellos vertedoiros de pedra eran máis baixos porque os galegos eran máis baixos, e que cando se restaura unha casa, probablemente haxa que subilo ou complementalo.

Se o mesado é máis baixo, pronto veñen as dores nos cadrís, pero se é máis alto do acaído doe a caluga. Como isto, todo o deseño dunha cociña é pura ergonomía, tanto a cociña como o baño son as estancias máis difíciles de deseñar nunha casa, afastándose dos estándares, e deben ser pensados para a familia que os vai utilizar.

É por iso que alguén que non cociñe non debe deseñar unha cociña. Claro que nas vivendas en serie, as cociñas carecen de xeito ningún, porque falta a adaptación á familia concreta, e mesmo as empresas que as fabrican cometen enormes erros. É como un mecano no que todo debe estar pensado e ao mesmo tempo debe quedar espazo para a creatividade gastronómica.

Débense deixar mesados grandes para a manipulación e preparación dos alimentos, espazos para a vaixela, o vertedoiro non debe estar moi afastado do forno e da cociña, e cando se deseña débese estar pensando nos procesos de creación gastronómica.

É certo que as cociñas adoitan ser pequenas e incómodas, pero nas moi grandes tamén se cometen erros que levan a percorrer quilómetros innecesarios ao final de ano: que os puntos cruciais estean moi afastados fai que cociñar pareza un maratón. A cociña é a alma dunha vivenda e hai que mimala.