A reserva

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Baja Galifornia en el restaurante El Cartel de Mawey, en la rúa da República Arxentina, 8. Lomo de merluza tempurizado sobre tortilla de fariña con salsa de mexillóns e lombarda encurtida
Baja Galifornia en el restaurante El Cartel de Mawey, en la rúa da República Arxentina, 8. Lomo de merluza tempurizado sobre tortilla de fariña con salsa de mexillóns e lombarda encurtida La Diapo fotografía

06 ene 2023 . Actualizado a las 20:22 h.

O outro día felicitabamos a unha cociñeira amiga que colleu uns días de vacacións e marchou para Benidorm. Como é inevitable, preguntámonos polo 2022. Suspirou. «Ben, pero non dabamos abasto», díxome, «que ansiedade tiña a xente por comer!». No seu popular restaurante a nosa amiga comentounos que nunca tantas reservas se fixeran. «Mesmo con quince días de antelación!», explicábanos sorprendida.

Non foi un comentario illado. Outros cociñeiros teñen expresado a cantidade de xente que saíu comer fóra, sobre todo nas fins de semana e en grupos grandes de amigos. E debe ser algo bastante estendido. A min, que nas fins de semana gosto de facer viaxes curtas polo país -sempre decididos no último momento, por suposto- decateime en carne propia de que moitos bos establecementos do rural, aos que antes chegabas sen reservar, agora estaban completos.

E con lista pechada de varios días antes. A Galicia gastronómica da fin de semana parecía Londres, vaia. En Santiago de Compostela tampouco agardes cear nos sitios máis de moda chamando pola mañá dese mesmo día.

Eu, que vivo ao día e de prazo en prazo, admiro a capacidade da xente de levar vidas apracibles nos que as reservas de grupos de amigos se planifican con días de adianto. E non era o único: sempre houbo certa alerxia a reservar nun restaurante.

Teño curiosidade por ver se estes hábitos viñeron para quedar ou foron unha resposta ansiosa —e momentánea— á pandemia. Porque se o virus nos cambiou en algo tan puntual, se cadra tamén o fixo en asuntos que sexan moito máis profundos.