O repaso

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

29 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sonde repensar o ano que morre. Como vivo instalado na carreira contra os peches de redacción, entrega de proxectos, prazos administrativos e presentacións públicas, a miña memoria persoal é tan escasa como a dunha maragota.

Dirán que para un xornalista especializado en Historia isto é un contrasentido, un coitelo de pau na casa do ferreiro. No meu descargo, defendereime afirmando que non coñezo profesión que non sexa así. A risco de que me maten por delator, voulles revelar que hai moitos chefs con estrela Michelín e fotos en hortas ecolóxicas que na intimidade métenlle o dente a ultraprocesados.

Que lle imos facer: para sermos coherentes e perfectos xa temos as redes sociais. Ou como di o amigo Tucho Plaza, “mensía en público e rioja ás aghachadas”. Isto tómeno como algo simplemente metafórico. Dese pecado non penso beber.

Para escribir a columna de hoxe botei man de todos estes textos que, ao longo do ano, me toleran os compañeiros de Ribeira. E para a miña sorpresa, algo había: a sequía de primeiros de ano, a invasión de Ucraína, as mortes no mar, a boa saúde do galego na comarca, os debates (interminables) sobre a duna de Olveira, os excursionistas perdidos no monte Pindo, o contaxio da Covid, as agresións aos petróglifos de Baroña, o turismo masivo ou, entre as derrotas preferidas, a sufrida fronte as mimosas invasoras da miña finca.

Quen no futuro lea estas columnas saberá que, cando menos, non nos tomabamos o mundo á tremenda. E niso parecémonos ás maragotas. Feliz ano!