Unha escritora esquecida

La Voz

BARBANZA

17 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nada na Pobra do Caramiñal o 2 de marzo de 1917, María del Pilar González Pérez foi coñecida como Maruxa de Carlos, sobrenome co que asinou os primeiros traballos literarios na prensa, xa durante a Guerra Civil. Tras o seu matrimonio asinou Pilar G. de Fresco, empregando o apelido do marido. En 1950 colaborou na viguesa revista de poesía Alba (1948-1956), co único texto en lingua galega que lle coñecemos, o soneto Irmandade.

En 1952, na editorial madrileña Altamira, edita o libro Papeles, con tres ilustracións de Prego de Oliver (1915-1986). A obra está composta por 29 textos e un paratexto que é case unha autopoética. Dividida en dúas partes, El amor, la muerte y el mar e Los niños, leva como final o conto El ilusionista, a historia da amizade entre un neno e un verme, narrada con sinxeleza, mais con lograda forza lírica.

O resto dos textos, 19 na primeira parte e nove na segunda, abalan entre a prosa lírica e o poema en prosa, mais nalgúns casos tamén próximos ao microrrelato. Citas dos poetas modernistas Rubén Darío e Amado Nervo, ao que se suma unha cántiga popular galega, enmarcan varios textos. Só un texto está próximo ao poema tradicional, o titulado Vacío. A autora faleceu en Vigo o 19 de setembro de 2006, aos 89 anos de idade.