O BNG denuncia o «espolio enerxético» cun acto celebrado no parque eólico Monte Treito

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Os nacionalistas despregaron varias pancartas.
Os nacionalistas despregaron varias pancartas. CEDIDA

A deputada Rosana Pérez fixo un chamamento a participar na manifestación prevista para o día 18 en Santiago

08 dic 2022 . Actualizado a las 17:34 h.

O BNG celebrou un acto reivindicativo no parque eólico Monte Treito, situado entre os concellos de Lousame, Dodro, Rois e Rianxo, no que participaron un cento de persoas para denunciar «o espolio enerxético de Galiza», apuntaron os nacionalistas, que tamén reivindicaron «unha tarifa eléctrica galega» que abarate o prezo da luz e beneficie ás familias e empresas.

Tras despregar varias pancartas de grandes dimensións cos lemas «Galiza produce, Madrid consome. Tarifa Galega» e «Espolio Nunca Máis», a deputada do BNG Rosana Pérez afirmou que a electricidade «é un ben básico e que debe estar baixo control público galego».

A parlamentaria advertiu que a proliferación de muíños nos montes galegos «pode estenderse as nosas costas se non a paramos». Neste sentido, fixo un chamamento a participar na manifestación convocada polo BNG o vindeiro día 18 en Santiago baixo o lema «Non é unha crise de prezos, é una estafa. Hai alternativas!». Na súa intervención, Pérez explicou que no último ano a vida dos galegos incrementou o seu custe «nun 11 %, e a inflación continua desorbitada».

No caso concreto da electricidade, dixo que «a suba está desbocada». Por iso, a nacionalista reiterou a defensa do BNG dunha tarifa eléctrica galega que abarate o recibo da luz e que «a electricidade sexa recoñecida como un ben básico e baixo o control público galego».