Aserie Apagón (HBO Max) resulta algo perturbadora, e non polo feito de que toda Europa fique sen luz. O protagonista participara nas sonadas protestas contra a cimeira do G8 en Xénova en 2001. Na actualidade percorre Alemaña na procura dos seus antigos compañeiros de loita. Atopa que case todos son pantasmas atrapadas no seu pasado.
É como se a vida se tivera parado en Xénova e a partir de aí só se movera o inevitable. A maior parte deles non evolucionara. E, con corenta e longos, o alternativo xa comezara a mudar en marxinal. Que distinto resulta deses relatos de evolución vital que sempre se contan dos rapaces que protestaron no 68 francés ou nas algaradas antifranquistas dos 70.
Alén dos tópicos de que os máis leantes remataron como presidentes de corporacións, respectables farmacéuticos vilegos ou mesmo ministros, o certo é que moita de aquela xente dos 70 tivo un arco vital considerable, como as series. Se cadra porque as sociedades nas que viviron tamén cambiaron de xeito extraordinario nesas décadas dos 70 e 80. Reparei no asunto ao ver estes días fotos dos activistas implicados nos movementos ao redor do Prestige hai xa vinte anos.
Rebentoume a cabeza: máis ou menos, todos seguen no mesmo lugar. Vivindo preto de onde vivían. Pensando máis ou menos o que pensaban. Traballando —ou sobrevivindo— máis ou menos do mesmo. Certo é que a xente se meteu no do Prestige con 30 anos e non con 20. Pero creo que o asunto di algo sobre esta sociedade do que aínda non somos moi conscientes.