Rúa e Os Ghidoiros

BARBANZA

03 nov 2022 . Actualizado a las 05:05 h.

Nestes pasados días de asistencia aos cemiterios, datas nas que os máis antigos celebraban o samaín como marca para sinalar que chegaba a etapa escura, mentres visitaba ao meu pai, lembrando que sempre foi un gran pescador, conteille o asunto de Rúa e Os Ghidoiros. Díxenlle que pretendían prohibir a pesca deportiva nun rectángulo que abrangue as Lobeiras, a fanequeira das Torres, a illa de Rúa, a profunda de Canaval, o Corveiro e os Ghidoiros Areoso e Pedregoso con todos os illotes adxacentes.

—Ou sexa, que os xubilados xa non poderemos coller catro xardas, robalizas, fanecas, polbos, luras, chopos, pintos e maragotas?

—Pois si. Tampouco os xubilados.

Entón, pareceume ver a meu pai cun sorriso, tocando a sen co índice da súa man dereita, dicíndome que estabamos no cemiterio e me deixase de lerias. Entendín que non o tomaba en serio, e pensei que non lle faltaba razón.

Limitar o acceso a Areoso e á illa de Rúa é algo reclamado durante anos por todos os que temos a sorte de acudir a eses fermosísimos e incomparables lugares. Penso que non haberá ninguén en contra desa norma. Sobre todo polo xentío que tomou o Areoso coma se fora unha praia artificial mediterránea, sen decatarse da milenaria historia que acolle tan espectacular recinto.

En canto á illa de Rúa, non sei a que se agarda para reconstruír a vivenda dos torreiros que sufriu a rapina de moitos listos sen escrúpulos que ata deixaron as paredes interiores espidas de azulexos. Habería que limpar e coidar a escalinata de acceso e os dous artísticos pozos de canalización e recollida de auga; o almacén de salgadura cos seus lagares de pedra, e que non sei como aínda conserva a pía; refacer os lindes de pedra das pequenas leiras e as escaleiras talladas na pedra ou feitas coa dura argamasa de cemento, cal e cunchas, que dan acceso á fonte. Todo elo, en tan lamentable estado de abandono, que se fai imprescindible unha actuación antes de que sexa demasiado tarde. Nisto estamos de acordo.

Pero ás veces, querendo facer algo para protexer o medio ambiente e preservar os bens que temos, preténdese levar a cabo unha ocorrencia, prohibindo a pesca deportiva (incluíndo, claro está, aos xubilados), nunha superficie de máis de mil hectáreas, coma se quixeran emular o regulamento da comisión de Sinkovicius.

Totalmente de acordo en regular o acceso a todas esas illas, pero tendo en conta que a natureza é interactiva e, polo tanto, ten que ser algo máis ca un museo. E a pesca deportiva, incluídos os xubilados, seguindo as moitas normas que xa ten, non precisa desas esaxeradas limitacións. Non é a pesca deportiva nin son os xubilados os que enchen o mar de vellas nasas, trasmallos e outras redes, causantes da podremia dos fondos.

Ai se tales limitacións as chega a propoñer Sinkovicius! Si papá, ese mesmo, o da prohibición das artes de arrastre de fondo e doutras que nin arrastran e nin sequera son de fondo. É o que hai.