Jovita Labarta non era só boticario senón tamén dono da fábrica de papel de Alvariza, herdada do seu pai
29 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.É grazas a Fernando Salgado, autor dunha boa serie xornalística publicada en La Voz de Galicia, Historias de Galicia, que logo recolleu en catro volumes, polo que coñecemos este boticario noiés, divulgador científico, e autor de traballos como Los pájaros, protectores de la agricultura, editado en 1872 na Gacetilla de Santiago, ademais doutro publicado no mesmo xornal sobre a extracción de resina. Cando Jovita Labarta publicou estes traballos vivía aínda en Noia, pero logo estableceuse en Compostela, onde a súa familia rexentaba unha droguería. En 1879 abre a súa propia farmacia, sendo administrador único do Gran Hospital Real e subdelegado de Farmacia. En 1912 comeza a ter problemas de pagamento co Hospital e a Deputación crea a súa propia farmacia no establecemento hospilatario.
Pero Jovita Labarta non era só boticario senón tamén dono da fábrica de papel de Alvariza, herdada do seu pai, o farmacéutico Tobías Labarta, e dunha fábrica de chocolate en Santiago. Faleceu en decembro de 1920 aos 85 anos dunha uremia. Non cita Salgado o que foi o folleto máis importante de Labarta: Envenenamiento de los vinos gallegos por la fuchsina, método fácil y al alcance de todos para descubrir esta grave falsificación, editado en Santiago en 1875, cando o autor tiña 35 anos. Esta publicación fora a memoria presentada na Exposición Rexional de 1875 en Compostela.