A Bouciña de Palmeira

Margarita Fernández

BARBANZA

Malia apelar a un contido preciso a etimoloxía do vocábulo mencionado suscita certa polémica

29 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O diminutivo Bouciña é de gran rendibilidade no acervo toponímico de Galicia. Emporiso, participa dunha familia representada na nosa comunidade a través de diversas manifestacións: (A) Bouza, Bouzaboa, Bouza Vedra, Bouzó, Monte da Bouza…

A RAG rexistra bouza como o substantivo feminino que designa un terreo a monte, onde medran ventureiras herbas e xestas. Malia apelar a un contido preciso —con el concordan os estudos pertinentes—, a etimoloxía do vocábulo mencionado suscita certa polémica. Algunhas hipóteses presupóñenlle unha orixe prerrománica ou mesmo mozárabe. Porén, a teoría máis reputada propugna que bouza remite ao latín baltea, en alusión á franxa ou bordo que acouta unha zona.

A palabra baltea deriva do substantivo masculino balteus (cinto), e experimenta un desprazamento semántico aumentativo (do vestiario persoal ao léxico xeográfico). Asemade, responde á mesma evolución fonética (baltea<bouça<bouza) que atopamos, por exemplo, en outro (lat. alter). Velaí o ascendente gramatical dun barrio palmeirán ben castizo: A Bouciña.