Paren xa de embelecer

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

SANTI GARRIDO

20 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez estase poñendo máis difícil viaxar por lugares emblemáticos do país. Como tardes dous ou tres anos en visitalos, vaste atopar cunha nova pérgola, unha sucesión de bancos con luces led, varios monólitos conmemorativos, unhas farolas espectaculares, iluminación con efectos especiais, monstros inventados en escala Parque Xurásico, aparatosos miradoiros pendurados de ladeiras. Así é no cabo Fisterra, no Ézaro de Dumbría, en Rianxo, en Ribeira. Eu teño que dicirlle unha cousa aos señores alcaldes. Por favor, paren xa. Esperen, que non sei se me escoitaron: deixen de facerse notar.

Parece que o espazo natural moléstanos, e que temos que intervir a toda costa para que se note que é noso. Que non podemos concibir que un lugar sexa atractivo en si mesmo, coa mínima intervención. O que puxo de moda eses lugares foron outras cousas: ser a fin do mundo, en Fisterra; ser unha fervenza que cae ao mar, no Ézaro. Non foron nin as marquesiñas, nin os parques, nin os marcos para fotos en Instagram, nin os merendeiros, nin os camiños con lastra portuguesa.

Co remate do período da gran obra pública, o furor construtor dos concellos canalízase cara estas obras de baixo orzamento e boa rendibilidade fotográfica.

E mentres gran parte dos municipios carecen de estratexias de conservación patrimonial, estes espazos de gran valor simbólico e natural vólvense gabinetes horteras e desatados do capricho municipal coa conivencia cómplice de todos os oficios que participan da bacanal da obra pública low cost.