Amor á terra dende Montevideo

PASTOR RODRÍGUEZ

BARBANZA

01 oct 2022 . Actualizado a las 11:36 h.

Aínda que nado en Compostela en 1919, Jesús Faustino Rañó era orixinario de Rianxo e na súa aldea de Brión, Leiro, pasou parte da súa nenez. Nunca a esqueceu. É grazas á rianxeira Raquel García Abuín, que se encargou de editar a súa poesía, Cantigas de aquén e alén mar, no ano 2015 nos Cadernos de literatura popular, por quen sabemos as vivencias deste emigrante. Dada a miseria na que vivían, súa nai marchou ao Urugai, e en 1930, dende Vigo, fóronse tamén Faustino e os avós. En Montevideo durmiron tres meses na rúa, pois non eran quen de caber onde vivía a súa familia; isto provocou a volta do avó só para Galicia de novo. Traballou dende rapaz nos oficios máis diversos, pero rematou por ser ebanista e aprendeulles a outros o oficio. Sempre preocupado por mellorar, graduouse na Escola Industrial e xa en 1948 puido completar o resto dos estudos. Con preocupacións culturais, foi membro do Padroado da Cultura Galega de Montevideo e colaborou coa Casa de España para axudar os exiliados da Guerra Civil. Nunca esqueceu o galego, nin os seus lugares de referencia (Santiago, Rianxo, Vigo) e a súa, coma tantas outras, é unha historia de emigración: traballos, saudades, lealdade ao lugar natal, fidelidade á lingua nai. Tamén, tantos anos de emigración deixarán pegadas na súa poesía de raíz popular, de forte carga musical.