Pedro está contento con Alberto

BARBANZA

04 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un coñecido meu que vive da política contoume que Pedro Sánchez está exhibíndose co Falcon, co coche blindado e cunhas cadeiras novas que mandou poñer na Moncloa, para ver si Alberto Núñez Feijoo lle entra ao trapo tal que el que fixera con Touriño. Coma único argumento para desacreditar a Pedro, está agazapado á espera de que isto lle funcione. Con todo, anda nervioso, pois empeza a darse conta que Madrid non é Galicia e deixa que outros poñan cara de can; por aquilo do refraneiro que finamente ven dicir que sexa o chucho —de Cuca ou de Bendodo— quen vaia defecando diante, non vaia ser que lle pase o mesmo que a Casado.

 

Daquela, unhas cadeiras de luxo e un vello Audi blindado, serviran para que o PP de Feijoo gañase as eleccións do 2009 fronte o prudente Touriño, que tiña o lastre dun ambicioso Anxo Quintana. Pero en Madrid, onde as luxosas cadeiras e coches blindados se contan por centos, o aldeán argumento no serve de nada. Alá, na capital, para escandalizar ao persoal (cousa que non lle é fácil), hai que falar de millóns en Suíza ou en Andorra, áticos de luxo en Marbella, cloacas, iates e cousas así... E incluso, a poder ser, mellor non falar de iates que teñen o seu risco e os carga o demo.

Dicíalles que, segundo me contou o político de marras, Pedro está contento con Alberto e, de cando en vez, íscalle algo para ver se pica. E así, lárgalle cousas coma as da renovación do Consejo General del Poder Judicial, a sabendas de que esa cuestión, con ser moi importante, non é unha das preocupacións da maioría das xentes. Por iso acáballe de poñer diante un brillante anzol coa lei de impostos ás entidades bancarias e ás eléctricas do que é difícil que Feijoo saia sen os beizos desgarrados. Pois niso dos impostos aos máis ricos, tan só poden votar en contra os que teñen a buchaca ben chea, que non son precisamente os do salario mínimo.

A verdade é que por moito que Madrid sexa España e polo tanto Galicia sexa Madrid (como diría a ubérrima bocachancla tan querida polos madrileños), algúns temos a impresión de que un territorio tan plural en todo, fáiselle incómodo para un político acostumado a gobernar coas maiorías absolutas no seu terruño. Niso faime lembrar ao adestrador Arsenio. Bruxo indiscutible en Galicia pero botado dun Madrid que quería resultados imposibles para unha plantilla mediocre e, os mandamases, non estaban para tragar cunha retranca que non entendían. Por iso, ese coñecido meu e de todos (pois vive da política), dicíame que Pedro Sánchez, ben sabedor de que as eleccións en España non se gañan denunciando viaxes en Falcon, cadeiras de luxo ou coches blindados, está feliz con Feijoo. El sabe ben que agora toca baixar á area e aprobar, sen tapuxos, eses incómodos impostos á banca e ás eléctricas. E o meu confidente, (que sempre acerta porque nunca se presenta ás eleccións), pensa que o PP non vai deixar que un tal Núñez, natural da Galicia profunda da aldea de Os Peares, lle plante cara a semellante poder mediático con quen o PP vive coma peixe na auga.

De maneira que, aínda que agora as enquisas lle sexan favorables, o meu vividor confidente, sentado nunha cadeira preto de Feijoo nun famoso chiringuito de praia, xura que lle escoitou dicir con tristura: ¡Que ben estaba eu en Monte Pío!