Virus

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

BARBANZA

20 jun 2022 . Actualizado a las 22:21 h.

Ao final caín. Eu, que me cría a resistencia, que fun surfeando olas, esquivando virus, sorteando contactos estreitos indemne mentres familiares e amigos próximos entraban nas estatísticas de contaxiados. Que saín airosa de test de antíxenos e PCR cando todo parecía indicar que acabarían dando positivo, ao final caín vítima (leve, iso si) do covid.

A experiencia, sen ter moita gana de pasala, certamente, non foi tan mala. Un pouco de febre, cansancio, malestar xeral, algo de tose e unha moqueira que quen me coñece saberá que no meu caso non é un síntoma, senón unha parte practicamente indivisible de min, sexa a época do ano que sexa. Así que nada, auga, paracetamol e paciencia.

O caso é que, así como outras veces o coronavirus de marras me puxo en alerta porque tocou a alguén próximo, desta volta pilloume completamente desprevida, chegou sen avisar e aínda agora, por máis voltas que lle dou, non teño nin a máis remota idea de onde me puiden contaxiar, como ou quen. Despois de tantas idas e voltas do virus, de restricións, botar desinfectante compulsivamente e non achegarse a ninguén a menos de dous de metros, levamos unhas semanas de certo relaxo e xa nin miramos datos de casos activos nin, a maioría, usamos a máscara máis do imprescindible.

É normal e é san que recuperemos a nosa vida, as saídas cos amigos, os concertos e o contacto cos demais. Pero o covid é traidor, dígovolo eu, non avisa e segue entre nós pese a que non o vexamos coa mesma virulencia de hai uns meses. Así que, aínda que sigamos vivindo nesta nova normalidade, sigamos coidándonos.